Ir o contido principal
STG

Proxección do filme ‘Un legado de fume’ sobre a emigración española a Estados Unidos

Proxección do filme ‘Un legado de fume’ sobre a emigración española a Estados Unidos
Proxección do filme ‘Un legado de fume’ sobre a emigración española a Estados Unidos

O grupo de investigación HistAmérica proxectará este xoves 4 ás 19:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía o filme ‘Un legado de fume’, sobre a emigración española a Estados Unidos.

No acto, de entrada libre, intervirá Luis Argeo, un dos directores da cinta; a profesora de Historia de América da USC e membro da comisión técnica do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, Pilar Cagiao Vila; e a profesora das Universidades Salgado de Oliveira e do Estado do Río de Janeiro (Brasil), Érica Sarmiento.

Co documental ‘Un legado de fume (A Legacy of Smoke)’, unha co produción española e estadounidense, os cineastas James D. Fernández e Luis Argeo continúan rescatando historias de antigos emigrantes españois establecidos en Estados Unidos. Neste caso presentan unha cinta con inevitables alusións a Asturias, dada a significativa presenza de asturianos que traballaron nas fábricas de tabaco de Tampa e arredores.

Ao longo do documental, unha vella película se proxecta no gran teatro do Centro Asturiano mentres os asistentes intentan identificar rostros que aparecen durante unha manifestación de protesta de 1937; unha profesora de piano centenaria imparte a súa clase semanal cunha partitura moi especial; unha parella de anciáns repasa un longo listado de alcumes recompilado por eles mesmos; e unha muller convida a seu pai a almorzar para recordar con el a vida dos seus antepasados. Catro tramas que denotan a forza do paso do tempo sobre as historias de vida.

‘Un legado de fume’ súmase a outra película de fondo e forma similares, dirixida e estreada en 2013 por Luis Argeo e James D. Fernández, ‘A paella de Daniel Albert’, gravada en California cun descendente de emigrantes alacantinos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2016.