A proxección do filme ‘La Plaga’ abre este xoves en Humanidades a segunda edición do ciclo Cinema Rural en Lingua Propia
A proxección do filme ‘La Plaga’, de Neus Ballús, abre esta tarde, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades, a segunda edición do ciclo Cinema Rural en Lingua Propia, unha iniciativa promovida polo colectivo universitario Ruralia en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC e que inclúe a proxección de catro películas.
A segunda sesión deste ciclo de cinema en versión orixinal desenvolverase o 24 de marzo, cando está prevista a proxección das curtas ‘Les conques d’Arbo’ e ‘La canne à messure l’eau’, dirixidas as dúas por Fabienne Wateau. A proxección de ‘A mesma terra’, unha produción de Jorge Coira e Iago Mazoy, pechará o 21 de abril no salón de actos de Humanidades este ciclo cinematográfico.