Ir o contido principal
STG

Proxéctase 'Bamako', o terceiro filme do ciclo de cinema África, francofonía e outras linguas

Cartel do filme ‘Bamako’
Cartel do filme ‘Bamako’
Será este martes 17 na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo

O filme ‘Bamako’ (Abderrahmane Sissako, Mali, 2006, 108 min) proxectarase este martes 17 de marzo, ás 19:45 horas, dentro do ciclo de cinema francófono África, francofonía e outras linguas, organizado pola sección de francés do Centro de Linguas Modernas (CLM) e que se está a desenvolver ao longo de todo o mes no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.
Este terceiro filme, do realizador nacido en Mauritania Abderrahmane Sissako e que recibiu diversos premios en Paris, Cannes e Estambul, desenvólvese nun patio aberto dunha casa nun barrio popular de Bamako. Alí, paralelamente ao día a día dos habitantes da casa, un tribunal con representantes da sociedade civil africana instalado no patio inician un proceso xudicial contra as grandes institucións internacionais, o Banco Mundial e o FMI, como responsabeis da dramática situación de África.
O CLM destaca como obxectivo fundamental deste ciclo o reflexo do francés como un idioma que convive a diario coas outras linguas africanas. De feito, nas longametraxes seleccionadas, non aparece exclusivamente o francés como lingua para comunicarse, senón que figura integrado co uso cotiá das linguas propias das distintas zonas de África nas que se desenvolven as historias. No caso de ‘Bamako’, a trama desenvólvese en idioma francés e en bambará. Haberá subtítulos en castelán.
O ciclo inclúe filmes de diferentes temáticas dentro do continente, sempre cunha visión de protesta. Nesta longametraxe, ao tempo que denuncia claramente o feito de que «o destino de centos de millóns de persoas decídeno políticas alleas ao seu universo», o director consigue facer sorrir ou chorar ao captar as marxes do proceso, que se desenvolve no patio/tribunal popular, que non deixa de ser un lugar de fala e de intercambios.
Ademais da importancia lingüística dos filmes, o CLM procurou para este ciclo de cinema francófono producións actuais e nas que destaca sobre todo a denuncia social e política.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2009.