Ir o contido principal
STG

Proxéctase 'Barakat', o cuarto filme do ciclo de cinema África, francofonía e outras linguas

Cartel de ‘Barakat’
Cartel de ‘Barakat’
Será este martes 24 na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo

O filme ‘Barakat’(basta!) (Djiamila Sahraoui, Alxeria, 2006, 94 min) proxéctase este martes 24 de marzo, ás 19:45 horas, dentro do ciclo de cinema francófono África, francofonía e outras linguas, organizado pola sección de francés do Centro de Linguas Modernas (CLM) e que se está a desenvolver ao longo de todo o mes no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.
Este cuarto filme, que é a primeira longametraxe de ficción da realizadora alxerina Djiamila Sahraoui, recibiu un importante recoñecemento a nivel internacional. Foi Mellor ópera prima, guión e música no Festival Panafricano de Cinema e televisión de Ouagadougou en 2007; Mellor filme árabe na XXX Edición do Festival Internacional de El Cairo; Mellor filme africano no XVI Milan African, Asian and Latin American Film Festival 2006, ademais de recibir os premios da Biennale des Cinémas Arabes de Paris 2006 e do Festival internacional de Cine de Dubai 2006.
A longametraxe, que amosa en palabras da propia directora “a presión cotiá que pesa sobre as mulleres en Alxeria”, tamén foi galardoada no Barcelona International Women's Film Festival 2006. Con este film, Djamila Sahraoui tenta colaborar no debate sobre a incapacidade da sociedade para recoñecer que a muller non é o diaño personificado, un recoñecemento que podería mudar as relacións home/muller e poñer punto final a unha das orixes da violencia.
A historia transcorre nalgún lugar de Alxeria, nos anos 90. Amel é médica nun hospital. Esfórzase todo o que pode por exercer a súa profesión e por vivir a súa vida de muller nova, a pesar da guerra civil que causa estragos entre os islamitas e o exército. Unha noite, cando volve a casa tras unha longa garda, Amel dáse conta de que o seu marido, xornalista, desapareceu. Fronte á indiferenza e a inercia das autoridades, decide ir na súa procura. Acompáñaa Khadija, enfermeira que durante a súa mocidade combateu pola independencia. Na súa aventura incerta e perigosa, as dúas mulleres, de diferentes xeracións, descubriranse a unha á outra nunha convivencia forzada polas circunstancias adversas, ao tempo que se enfrontarán aos homes do seu país, axudadas por un ancián.
O CLM destaca como obxectivo fundamental deste ciclo o reflexo do francés como un idioma que convive a diario coas outras linguas africanas. De feito, nas longametraxes seleccionadas, non aparece exclusivamente o francés como lingua para comunicarse, senón que figura integrado co uso cotiá das linguas propias das distintas zonas de África nas que se desenvolven as historias. No caso de ‘Barakat’, a trama desenvólvese en idioma francés e en árabe.
O ciclo inclúe filmes de diferentes temáticas dentro do continente, sempre cunha visión de protesta. Ademais da importancia lingüística dos filmes, o CLM procurou para este ciclo de cinema francófono producións actuais e nas que destaca sobre todo a denuncia social e política. Nesta longametraxe, a autora está convencida de que a violencia da guerra dos anos 90 está tamén relacionada coa que se desenvolve nas relacións sociais e, por tanto, coa violencia que a sociedade exerce sobre as mulleres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2009.