Proxéctase 'Rêves de poussière', o último filme do ciclo de cinema África, francofonía e outras linguas
O filme ‘Rêves de poussière’ (Laurent Salgues, Burkina Faso, 2006, 80 min) proxéctase este martes 31 de marzo, ás 19:45 horas, a última longametraxe do ciclo de cinema francófono África, francofonía e outras linguas, organizado pola sección de francés do Centro de Linguas Modernas (CLM) e que se veu desenvolvendo ao longo de todo o mes no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.
Este quinto filme, que é a primeira longametraxe de ficción do realizador francés Laurent Salgues, recibiu un importante recoñecemento a nivel internacional. Entre os galardóns obtidos está o do Festival Sundance 2007 e o de Venecia 2006, ademais do Griot de Vento á mellor obra no IV Festival de Cinema Africano 2007 en Tarifa; unha mención especial do xurado no Premio Signis 2006 en Amiens; e o Premio Kodak á mellor fotografía para filme de ficción nos premios Ciné & FX 2006 en Namur.
A historia conta a chegada dun nixeriano, Mocktar Diko, ás minas de ouro de Essakane, na procura de traballo. Dicko, chega cunha maleta na man, para facer fortuna e tentar esquecer a morte de súa filla á que non puido salvar por non ter diñeiro para mercar medicinas.
A longametraxe, que amosa en palabras do propio director “un deambular inmóbil, o percorrido interior dun personaxe que, chegado para perderse, se atopa”, trata a migración interna do propio continente africano. A través do protagonista aprécianse as situacións extremas vividas nun deserto de vento e po. Cada un soña coa fortuna arriscando a vida, sen seguridade. O perímetro da mina, o deserto, parece ser, e é, a porta do inferno, unha atmosfera contraditoria cunha mestura de esperanza e desesperación.
O CLM destaca como obxectivo fundamental deste ciclo o reflexo do francés como un idioma que convive a diario coas outras linguas africanas. De feito, nas longametraxes seleccionadas, non aparecía exclusivamente o francés como lingua para comunicarse, senón que figuraba integrado co uso cotiá das linguas propias das distintas zonas de África nas que se desenvolvían as historias. No caso de ‘Rêves de poussière’, a trama desenvólvese en idioma francés e en fufulde. O ciclo incluiu filmes de diferentes temáticas dentro do continente, sempre cunha visión de protesta. Ademais da importancia lingüística dos filmes, o CLM procurou para este ciclo de cinema francófono producións actuais e nas que destacara sobre todo a denuncia social e política.