Ir o contido principal
STG

O proxecto europeo DIPS arrinca en Grecia para impulsar espazos públicos inclusivos en América Latina

Ao longo dos tres anos de duración do proxecto, desenvolveranse novos plans de estudo orientados a mellorar as competencias e as perspectivas de empregabilidade do estudantado
Ao longo dos tres anos de duración do proxecto, desenvolveranse novos plans de estudo orientados a mellorar as competencias e as perspectivas de empregabilidade do estudantado
A iniciativa está dirixida pola profesora da USC e investigadora do IDEGA, María José Piñeira Mantiñán, e ten como obxectivo principal a posta en marcha dun mestrado transnacional
Santiago de Compostela

O proxecto europeo Design of Inclusive Public Space 101235951 (DIPS), centrado no deseño de espazos públicos inclusivos en cidades latinoamericanas, botou a andar este xoves 8 en Tesalónica (Grecia). A iniciativa está dirixida pola profesora da Facultade de Xeografía e Historia e investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, María José Piñeira Mantiñán, e ten como obxectivo principal a posta en marcha dun mestrado transnacional. O proxecto foi concedido no marco da convocatoria da UE ERASMUS-EDU-2025-CBHE-STRAND-2 — Capacity building in the field of higher education Strand 2 e ten un orzamento de 797.133 euros. 

As xuntanzas de lanzamento prolongaranse ata o día 10 na Universidade de Tesalónica. Ao encontro asistiu tamén o director do IDEGA, Rubén C. Lois. No proxecto participan seis universidades de Arxentina, Ecuador e Paraguai, xunto con administracións públicas, consultoras e entidades non gobernamentais gregas.

Facer fronte ás desigualdades

“Nos últimos anos, o deseño e a accesibilidade dos espazos públicos en América Latina convertéronse nun eixo central do planeamento urbano. Estes espazos desempeñan un papel fundamental na promoción da participación comunitaria, da cohesión social e da inclusión”, destaca a profesora Piñeira. Porén, moitas áreas urbanas carecen de espazos públicos axeitadamente deseñados, o que provoca a exclusión de colectivos especialmente vulnerables como as persoas envellecidas, a cativada, as persoas con discapacidade, as mulleres ou as minorías étnicas. “Un deseño urbano deficiente non só limita o seu uso do espazo público, senón que tamén restrinxe a participación social e o acceso a servizos esenciais, perpetuando así as desigualdades existentes”, engade a profesora da USC.

Ao longo dos tres anos de duración do proxecto, desenvolveranse novos plans de estudo orientados a mellorar as competencias e as perspectivas de empregabilidade do estudantado. Ademais, promoverase a implementación dun novo modelo de gobernanza universitaria no que o estudantado, a través de proxectos prácticos, será quen de impulsar iniciativas dirixidas a garantir a equidade, a seguridade e a inclusión nos espazos públicos.

En DIPS participa unha trintena de persoas, entre as que se inclúe persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Aristotle University of Thessaloniki (Grecia), Universidad Estatal Península de Santa Elena e Universidad del Azuay (Ecuador), Universidad Nacional de Itapúa e Universidad Nacional de Asunción (Paraguai), Universidad Nacional del Sur, a Universidad Nacional de Rosario e o IDES-Instituto de Desarrollo Económico y Social (Arxentina), así coma membros de Four ELEMENTS –organización non gubernamental centrada na educación e que presta especial atención a grupos vulnerables e mocidade–, e o NOVEL Group –consultaría informática con sede en Luxemburgo–. O proxecto engádese a outros obtidos en convocatorias competitivas da UE polo grupo ANTE e polo o IDEGA.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.01.2026.