Ir o contido principal
STG

O proxecto europeo Life+ Opere estudará a eficiencia enerxética no sector terciario

Preséntase este xoves nunha xornada técnica na Facultade de Matemáticas

Life+ Opere é un proxecto de investigación cofinanciado pola Comisión Europea e coordinado pola USC en colaboración co Centro Tecnolóxico EnergyLab para a planificación de actuacións en materia de eficiencia enerxética no sector terciario, concretamente no edificio Monte da Condesa de Santiago. O seu desenvolvemento basearase na modelización do comportamento enerxético do citado edificio co obxecto de estudar a aplicación de melloras técnicas nas súas instalacións. O proxecto presentarase este xoves 20 no transcurso dunha xornada técnica que se vai celebrar na Aula Magna Facultade de Matemáticas a partir das 9.30 horas presidida polo vicerreitor de Investigación, Francisco González e na que tamén estará presente a directora xeral de EnergyLab, Rocío Fernández. O encontro abrirá a quenda de intervencións coa participación dos profesores da USC Juan Arias e José Taboada, da coordinadora da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, Teresa Barral, e de Juan Rodríguez en representación de EnergyLab. A partir das 12.15 horas celebrarase un Foro de Eficiencia Enerxética cunha mesa redonda sobre casos de éxito en eficiencia enerxética na que intervirán María Lorenzo, da empresa Schneider; Joaquín Jarrín García, de Gerencia Energética; Patricia Liñares, de In Situ; Carlos Rivas, de ELINSA; e Alberto Martínez, deCO2 Smart Tech; moderados por Fernando Blanco, responsable de Enerxía e Sustentabilidade da USC. O director do proxecto, o profesor Juan Arias, clausurará o encontro ás 13.45 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2014.