Ir o contido principal
STG

O proxecto europeo Life+Opere optimizará a xestión enerxética en instalacións técnicas de Campus Vida

Francisco González, no centro, acompañado de Rocío Fernández e Juan Arias. Foto: Santi Alvite
Francisco González, no centro, acompañado de Rocío Fernández e Juan Arias. Foto: Santi Alvite
Agárdase unha redución do 30% do consumo de enerxía asociado á xeración térmica e do 35% das emisións contaminantes

Unha xornada de traballo na Facultade de Matemáticas iniciou este xoves 20 o traballo de Life+Opere, acrónimo do proxecto europeo ‘Xestión Eficiente de Redes de Enerxía’ que lidera a USC en cooperación con EnergyLab e con financiamento do programa LIFE da área medioambiental. Life+Opere optimizará a xestión enerxética dun conxunto de instalacións técnicas da USC situadas en Campus Vida, mediante o deseño, desenvolvemento de estratexias de aforro e eficiencia enerxética, a implantación dun plan demostrativo e a avaliación dos resultados obtidos coa planta piloto para analizar retornos de inversión das diversas estratexias. O investigador principal do proxecto, o profesor Juan Arias Rodríguez, agarda que o desenvolvemento de Life+Opere permita alcanzar unha redución do consumo de enerxía asociado á xeración térmica do 30%, e dunha redución das emisións contaminantes do 35%. Ademais, a previsión é igualmente desenvolver un sistema de xestión de redes enerxéticas facilmente replicables e acadar referencia do impacto da implantación de sistemas de xestión en edificios terciarios de gran consumo. Para lograr os seus obxectivos, o proxecto realizará auditorías e simulacións enerxéticas, así como de impacto ambiental, traballarase no deseño da arquitectura do sistema de monitorización e xestión de redes e na implantación de medidas de eficiencia enerxética e dos sistemas de seguimento e xestión. Ademais, LIFE+OPERE manterá contacto con empresas e organismos para intercambiar experiencias e coñecementos que permitan mellorar os resultados e aumentar o seu impacto medioambiental e socioeconómico. Neste proxecto participan investigadores do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas, do Centro de investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) e diversas áreas relacionadas coa xestión de infraestruturas, enerxía e medio ambiente da USC, así como persoal técnico de EnergyLab. O proxecto finalizará en dicembro de 2016 para o que contará cun orzamento de 1,19 millóns de euros e unha achega da UE en forma de cofinanciamento de 566.739 euros. Xornada de lanzamento A xornada técnica de traballo abriuna o vicerreitor de Investigación, Francisco González, xunto a quen tamén estivo presente a directora xeral de EnergyLab, Rocío Fernández. A quenda de intervencións comezou coa participación dos profesores da USC Juan Arias e José Taboada, da coordinadora da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, Teresa Barral, e de Juan Rodríguez en representación de EnergyLab. A continuación celebrouse un Foro de Eficiencia Enerxética cunha mesa redonda sobre casos de éxito na que interviñan María Lorenzo, da empresa Schneider; Joaquín Jarrín García, de Gerencia Energética; Patricia Liñares, de In Situ; Carlos Rivas, de ELINSA; e Alberto Martínez, deCO2 Smart Tech; moderados por Fernando Blanco, responsable de Enerxía e Sustentabilidade da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2014.