Ir o contido principal
STG

O proxecto internacional PAINLESS busca en Galicia doentes oncolóxicos que participen nun estudo para aliviar a dor

A profesora María Teresa Carrillo de la Peña coordina este proxecto co que se pretende desenvolver un instrumento para predicir a aparición da dor en pacientes con cancro. Foto: Santi Alvite
A profesora María Teresa Carrillo de la Peña coordina este proxecto co que se pretende desenvolver un instrumento para predicir a aparición da dor en pacientes con cancro. Foto: Santi Alvite
En concreto, persoas con cancro de mama, pulmón, páncreas e colon que teñan problemas de dor e busquen unha alternativa para manexalo

Buscar alternativas ao tradicional tratamento farmacolóxico a través de técnicas baseadas na neuromodulación e definir patróns que permitan anticiparse á aparición da dor son os eixos sobre os que pivota o proxecto europeo PAINLESS liderado pola USC e dotado con preto de seis millóns de euros. Nestes momentos, este consorcio internacional busca en Galicia doentes que de maneira voluntaria queiran participar no estudo.

PAINLESS busca mellorar a comprensión dos mecanismos da dor oncolóxica así como estudar a viabilidade e eficacia dun tratamento non farmacolóxico para aliviala. Este tratamento, baseado na neuromodulación aplicada no fogar, foi xa probada en moitos doentes con dor crónica e é totalmente segura, con efectos secundarios mínimos e pouco frecuentes.

Concretamente, para o estudo en Galicia buscan persoas con cancro de mama, pulmón, páncreas e colon que teñan problemas de dor e busquen unha alternativa para manexalo. No caso de querer participar, poden contactar no teléfono 611618774.

PAINLESS
PAINLESS, consorcio internacional integrado por preto dunha vintena de entidades, emprega a neuromodulación —aplicación de correntes de baixa frecuencia de maneira non invasiva para aumentar ou diminuír a excitabilidade dun grupo de neuronas— como unha vía que supere o clásico tratamento farmacolóxico. Ademais, este proxecto coordinado pola profesora María Teresa Carrillo de la Peña pretende desenvolver un instrumento para predicir a aparición da dor en pacientes con cancro. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2024.