Ir o contido principal
STG

O proxecto para investigar as funcións dos microminerais en doentes oncolóxicos suma preto de 14.000 euros

Cartaz do proxecto de investigación 'Minerais contra o cancro'
Cartaz do proxecto de investigación 'Minerais contra o cancro'
A iniciativa de ciencia social liderada por Marta López Alonso xunto con investigadores da Facultade de Veterinaria da USC e do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) segue aberta a doazóns a través da plataforma de micromecenado Precipita, da Fecyt
Lugo

O proxecto ‘Minerais contra o cancro’, unha iniciativa de ciencia solidaria liderada pola profesora Marta López Alonso e impulsada polo grupo de investigación en Medicina Animal (IMedA) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), suma xa achegas por valor de preto de 14.000 euros, grazas ás doazóns recibidas no último mes na plataforma de micromecenado Precipita da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), a través da que todas as persoas interesadas poderán formalizar contribucións económicas ata mediados de marzo de 2022.

‘Minerais contra o cancro’ nace co obxectivo investigar en profundidade o potencial cometido que poden desenvolver os microminerais en doentes oncolóxicos da provincia de Lugo, a fin de determinar así a súa posible incidencia en determinados tipos de tumores, e valorar se o seu emprego como suplemento complementario das terapias convencionais de quimioterapia e radioterapia axuda a mellorar o prognóstico destes doentes.

“É un proxecto moi bonito e ambicioso”, salienta López Alonso, ao tempo que precisa que esta nova liña de traballo debe partir do estudo previo dos niveis basais de microminerais que presenta a poboación da provincia de Lugo, un traballo que aínda non está feito e para o que nas próximas datas tamén se solicitará a colaboración da cidadanía coa cesión altruísta de mostras de sangue para a súa posterior análise. Como contrapartida, dixo López Alonso, as persoas doantes recibirán un informe cos valores do seu status mineral.

Rede de colaboradores

A asociación luguesa Somos Unidos polo Cancro e a delegación provincial da Asociación Española contra o Cancro (AECC) apadriñaron desde o seu nacemento o proxecto ‘Minerais contra o cancro’, unha iniciativa que no seu primeiro mes de vida xa creou unha rede de colaboradores a que día a día se suman empresas, entidades e doantes particulares.

Alén desta implicación, varias farmacias e clínicas dentais, entre outros establecementos comerciais da capital luguesa, ofrecen á cidadanía a posibilidade de facer achegas ao proxecto nos petos específicos habilitados nas súas instalacións. Unha forma de colaboración diferente é a que presta a compañía de autobuses Alsa, que achega á clientela que merca pasaxes en liña a posibilidade de doar un euro para este programa de ciencia solidaria, relata López Alonso.

Importancia dos microminerais

Os microminerais son nutrientes esenciais que xogan un papel vital en moitos procesos fisiolóxicos e bioquímicos, xa que actúan como factores de varias enzimas chave involucradas na defensa antioxidante, a resposta inmune, a cicatrización de feridas e a regulación da expresión xénica, entre outras funcións.

O cometido dos microminerais é especialmente relevante nas persoas que padecen cancro. De feito, está demostrada a existencia dunha estreita relación entre determinadas deficiencias minerais con algúns tipos de tumores, como é o caso do selenio nos tumores de mama e de próstata. A síndrome de anorexia-caquexia é moi común nos procesos tumorais, nos que, a miúdo, se producen deficiencias de elementos esenciais como selenio, zinc ou ferro, que teñen unha función homeostática esencial, sinala López Alonso.

Os elementos minerais tamén son moi importantes no proceso inflamatorio que se produce ao redor da maioría desta tipoloxía de tumores, o que provoca que as necesidades nutricionais sexan maiores que nun individuo san. De feito, estudos recentes mostran que a suplementación con micronutrintes antioxidantes (entre os que se inclúe o selenio) está a demostrar ser un tratamento adxuvante en quimioterapia e radioterapia que diminúe os efectos secundarios destes tratamentos e mellora a calidade de vida e o prognóstico das persoas doentes.

 

Petos solidarios co proxecto habilitados en establecementos comerciais
Petos solidarios co proxecto habilitados en establecementos comerciais
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2022.