Ir o contido principal
STG

O proxecto PAINLESS testará a estimulación eléctrica transcranial para paliar a dor oncolóxica

“Para mellorar a xestión da dor provocada por cancro é necesario comprender os seus mecanismos subxacentes”, explica a profesora Carrillo. FOTO: Santi alvite
“Para mellorar a xestión da dor provocada por cancro é necesario comprender os seus mecanismos subxacentes”, explica a profesora Carrillo. FOTO: Santi alvite
Buscar alternativas ao tradicional tratamento farmacolóxico a través de técnicas baseadas na neuromodulación e definir patróns que permitan anticiparse á aparición da dor son os eixos sobre os que pivota o traballo deste consorcio internacional liderado pola USC e dotado con preto de seis millóns de euros
Santiago de Compostela

Paliar a dor oncolóxica a través de fármacos non sempre é posible. Coa vontade de estudar alternativas que melloren a calidade de vida deste tipo de pacientes bota a andar o proxecto de investigación PAINLESS, froito dun consorcio internacional integrado por preto dunha vintena de entidades e do que a USC é a institución coordinadora. Financiado con case seis millóns de euros a través de ‘Horizonte Europa: Programa Marco de Investigación e Innovación’ da UE, PAINLESS pretende empregar a neuromodulación —aplicación de correntes de baixa frecuencia de maneira non invasiva para aumentar ou diminuír a excitabilidade dun grupo de neuronas— como unha vía que supere o clásico tratamento farmacolóxico. Ademais, este proxecto coordinado pola profesora María Teresa Carrillo de la Peña pretende desenvolver un instrumento para predicir a aparición da dor en pacientes con cancro.

“A dor é o síntoma máis temido polos pacientes e un dos que máis afecta negativamente á calidade de vida. Estímase que o 59% dos pacientes en tratamento por cancro, o 64% dos pacientes con enfermidade oncolóxica avanzada e o 33% dos curados sofren dor”, explica a profesora Carrillo do grupo da USC ‘Cerebro e dor’. Mentres que, aproximadamente, o 80 % dos pacientes con dor poden tratarse eficazmente con fármacos, o 20 % restante mostra unha baixa resposta ás intervencións farmacolóxicas ou presenta efectos adversos graves, na súa maioría polo uso de opioides, tal e como evidencian os datos achegados pola Organización Mundial da Saúde.  

Predición

“Para mellorar a xestión da dor provocada por cancro é necesario comprender os seus mecanismos subxacentes”, explica a profesora Carrillo. A hipótese de partida do equipo investigador é que o estudo de biomarcadores diagnósticos, baseados en probas sensoriais cuantitativas e da actividade eléctrica cerebral, axudará a explicar a aparición e mantemento da dor e facer tipoloxías de pacientes segundo eses mecanismos. “Avaliamos como os pacientes perciben estímulos de dor de distintas intensidades, cando estes son presentados de forma illada ou repetida. Isto proporciona uns indicadores de como son os seus mecanismos de modulación da dor”, engade Teresa Carrillo.

Ademais, o proxecto aspira a botar man da intelixencia artificial para deseñar unha ferramenta de predición da dor oncolóxica. “Falta un coñecemento sistemático sobre as variables que contribúen á dor oncolóxica. Propoñeremos facer unha avaliación exhaustiva de pacientes acabados de diagnosticar e analizar que variables se asocian coa aparición da dor”, explica a investigadora principal do proxecto.

Máis alá dos fármacos

A estimulación transcranial é un método de neuromodulación non invasivo do cerebro, totalmente inocuo, que se realiza na propia casa dos pacientes, con control dende o hospital. Consiste en aplicar pequenas correntes eléctricas a través duns eléctrodos colocados sobre o coiro do cabelo que poden, a longo prazo, modificar as conexións neuronais e os mecanismos que manteñen a dor crónica.

“A nosa hipótese de partida é que esta proposta será máis rendible que o tratamento tradicional da dor oncolóxica baseada en fármacos”, engade. “Consideraremos non só os custos médicos, senón tamén indicadores de calidade de vida dende a perspectiva dos pacientes e os seus familiares coidadores”, matiza.

Solucións dixitais

Mellorar a xestión e o seguimento diario dos pacientes con dor oncolóxica mediante solucións dixitais é outro dos horizontes que persegue PAINLESS. “Dada a crecente demanda de servizos de coidados paliativos nunha poboación que envellece, é necesario mellorar a prestación de servizos para garantir a sustentabilidade dos sistemas sanitarios europeos”, explica a profesora Carrillo. Neste senso, o proxecto propón o deseño dunha plataforma web que actúe como modelo para o manexo de pacientes con dor crónica, alén de constituír “unha xanela de acceso á información sobre a dor oncolóxica”, engade a investigadora principal.

“Cremos que o estudo de biomarcadores centrais e un tratamento de neuromodulación domiciliario son fáciles de implementar nos servizos de saúde, sinxelos de realizar, económicos, facilmente integrables nos servizos habituais de oncoloxía ou da dor, e útiles para deseñar mellores esquemas de tratamento individualizado en coidados paliativos”, explica a profesora Carrillo. Neste senso, o proxecto estudará a viabilidade de integrar esta proposta nos servizos de saúde, a través dunha coidadosa análise das barreiras e oportunidades deste innovador modelo de intervención.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2022.