Ir o contido principal
STG

Psicoloxía conmemora a festividade do seu patrón

A Facultade de Psicoloxía conmemorou este venres 26 a festividade do seu patrón Juan Huarte de San Juan nunha sesión protocolaria no Salón de Actos do centro. Interviñeron o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López; a decana da Facultade, Socorro Rodríguez Holguín; e a decana do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada. O acto incluíu coa entrega de insignia aos premios extraordinarios de Grao e Máster.

O director científico do Basque Center on Cognition, Brain and Language, Manuel Carreiras, impartiu a conferencia da xornada co título ‘Linguaxe: bases biolóxicas e mecanismos cognitivos’. O doutor Carreiras é catedrático de investigación na Fundación Vasca pola Ciencia (Ikerbasque), catedrático honorario do University College of London e profesor visitante da Universidade do País Vasco. A súa investigación céntrase na lectura, o lingüismo e a aprendizaxe de segundas linguas. Ten publicado máis de 200 artigos en revistas de alto impacto, ademais de ter coordinado o proxecto Consolider-Ingenio 2010 titulado Coeduca, que aglutinaba máis de 70 investigadores. Actualmente desenvolve o proxecto Bi-Literacy financiado polo European Research Council (ERC).

PIR
Os titulados e tituladas da Facultade de Psicoloxía da USC acumulan varios anos acadando resultados destacados no proceso de acceso ao sistema de formación de Psicólogos/as Internos Residentes (PIR). Na convocatoria do pasado ano, dous dos dezaseis aspirantes con praza adxudicada situáronse nos dez primeiros lugares da proba selectiva.

Dos 162 titulados e tituladas da facultade compostelá presentados á convocatoria de 2015 acadaron praza un total de 16, o que supón unha taxa de éxito do 10%, moi por riba do 4% de media. Estes datos fanse máis significativos se se ten en conta que o conxunto das persoas da USC presentadas facían o 5% do total, pero obtiveron o 13% das prazas dispoñibles (127).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2016.