Psicoloxía conmemora a súa festividade coa ollada posta en “construír comunidades xustas” baseadas na diversidade
A festividade da Facultade de Psicoloxía serviu este martes 24 para conmemorar, un ano máis, a publicación en 1575 da obra Examen de ingenios para las ciencias de Juan Huarte de San Juan. “Moito ten evolucionado a Psicoloxía desde que o noso patrón laico e herético escribiu esa obra na que, como é natural, moitos dos seus postulados están superados”, explicou o decano do centro, Arturo Pereiro. Deben permanecer, dixo, como principios orientadores centrais da acción do centro “o seu interese por desafiar o coñecemento establecido, e por comprender a natureza humana e a dos factores que condicionan o seu complexo comportamento”. A cerimonia serviu para facer entrega das insignias e diplomas aos premios extraordinarios de grao e mestrado 2024-25.
Nun acto presidido pola vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo, e no que tamén participou a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada, o decano centrou o seu discurso na necesidade de “redobrar esforzos para contrarrestar o individualismo das nosas sociedades e salientar a necesidade de construír comunidades xustas nas que desenvolverse na diversidade co apoio necesario para satisfacer de xeito san as nosas necesidades afectivas e sociais”. Incrementar os esforzos por coñecer os mecanismos que subxacen as diferencias e desigualdades, tamén as asociadas ás identidades de xénero, son esforzos “que non se poden adiar”, engadiu. Así mesmo, explicou, cómpre dar resposta ao incremento dos problemas de saúde mental, reducindo o impacto dos factores biopsicosociais que nos diferentes contextos nos que transcorre a vida favorecen a súa aparición, “especialmente nos colectivos máis vulnerables como son os adolescentes, as persoas maiores, as mulleres ou os socialmente excluídos ou maltratados”.
Tempo da psicoloxía
Coa vontade de facer fronte a eses retos e coincidindo coa súa festividade, a Facultade impulsa un ano máis as xornadas ‘Tempo da Psicoloxía’, coorganizadas co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que se desenvolven os días 24 e 25 no propio centro, con opción tamén de seguilas de maneira virtual. De feito, o relatorio central do acto institucional co que se conmemorou o patrón do centro foi tamén a charla inaugural de ‘Tempo da Psicoloxía’. A conferencia correu a cargo do catedrático da Universidad Complutense de Madrid (UCM) Manuel Muñoz López e levou por título ‘Estigma, saúde mental, pobreza e exclusión social: todo á vez en todas partes’.
As xornadas continuarán o mércores 25 a partir das 18.00 horas con dúas mesas de debate. Na primeira, ‘Saúde mental e pobreza: unha viaxe de ida e volta’, participarán Ricardo Fandiño Pascual, vogal da Xunta de Goberno do COPG e coordinador xeral de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional da Infancia e da Adolescencia), e Alexandre Teixeira, membro da Ordem dos Psicólogos Portugueses e coordinador do Centro do Porto da Associación CAIS para persoas en situación de risco ou exclusión social.
A segunda das mesas contará coa intervención de Aarón Argudo Palacios, subdirector de ALUME; Beatriz Gómez Gómez, traballadora social no SERGAS (Ourense); Ana Pardo Fernández, traballadora social e presidenta da sección Galicia da Rede Europea contra a pobreza e a exclusión social (EAPN); e Adrián Varela, técnico de atención integral de saúde mental da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia). Modera a técnica de AGARESO Verónica Couto Tasende.