Ir o contido principal
STG

Psicoloxía homenaxea as figuras pioneiras en Galicia neste ámbito coa colocación das súas imaxes na aula magna

Manuel Filgueira Lois e as imaxes das figuras homenaxeadas. FOTO: Facultade de Psicoloxía
Manuel Filgueira Lois e as imaxes das figuras homenaxeadas. FOTO: Facultade de Psicoloxía
Manuel Filgueira Lois falou da evolución desde o laboratorio psicotécnico do Seminario de Estudos Galegos ata o franquismo
Santiago de Compostela

Visibilizar as figuras pioneiras da práctica psicolóxica na comunidade na primeira metade do século XX ao tempo que conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos, que tamén contribuíu ao impulso da psicoloxía en Galicia, foron os dous eixes da homenaxe que a Facultade lles tributa. As fotografías de todas estas figuras quedarán expostas de xeito permanente na aula magna do centro, que na actualidade xa está dedicada a Xoán Vicente Viqueira.

As figuras pioneiras

Xoán Vicente Viqueira defendeu a Psicoloxía como estudo da conciencia, aínda que examinou polo miúdo os procesos de percepción, aprendizaxe, memoria, linguaxe ou o xogo infantil. Mentres, Eloy Luis André fundou en 1909 o primeiro laboratorio de Psicoloxía Experimental en Galicia, no Instituto de Ourense. E Ana María Pardo foi a primeira psicóloga galega despois da Guerra Civil. Formouse en París e ao seu regreso a Galicia foi a primeira psicóloga escolar, prestando os seus servizos no colexio Fingoi (Lugo) e na Coruña, para traballar despois en Barcelona.

Antonio Iglesias Vilarelle creou e dirixiu o Laboratorio Psicotécnico do Seminario de Estudos Galegos e con el comeza no 1934 a aplicación de tests nas Terras do Deza, Terras de Fisterra e Terras de Pontevedra para elaborar baremos propios da poboación escolar galega e estudar a incidencia do uso do galego e mais do castelán na aprendizaxe escolar; finalizada a guerra, organiza un Departamento de Psicoloxía no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. En canto a Manuel Filgueira González, formou parte desde o inicio do Laboratorio Psicotécnico do Seminario de Estudos Galegos e participou nas xeiras de traballo das Terras do Deza e máis das Terras de Fisterra. Despois da guerra foi mestre en Cangas e Guizán e no 1944 vai destinado a Pontevedra, onde se fai cargo da dirección da Casa Tutelar de Menores Avelino Montero.

Pola súa banda, Cándido Lozano Zuza comezou os seus contactos coa Psicoloxía a través do Laboratorio Psicotécnico do Seminario de Estudos Galegos. Despois da guerra forma parte do Departamento de Psicoloxía do Instituto de Pontevedra xunto con Manuel Filgueira González. No ano 1953 emigra a Venezuela, onde se fai doutor e profesor na Universidad Andrés Bello. Finalmente, Manuel Díaz Rozas foi presidente da Sección de Pedagoxía do Seminario de Estudos Galegos e contribuíu a impulsar a Asociación de Vanguardia Pedagógica na provincia da Coruña. Por defensor do laicismo e dada a súa ligazón coa masonería foi apartado do ensino público, ao que non volvería ata fins dos anos cincuenta.

Conferencia

A conferencia que Manuel Filgueira Lois impartiu o martes na Facultade de Psicoloxía, titulada ‘A Psicoloxía en Galicia. Do laboratorio psicotécnico do Seminario de Estudos Galegos ao Franquismo’ debullou as contribucións máis destacadas de todos os profesionais homenaxeados. Dáse ademais a circunstancia de que o conferenciante, Manuel Filgueira Lois é fillo dun dos homenaxeados, Manuel Filgueira González, e que tamén asistiu a este evento María Sales Pardo, filla da única homenaxeada, Ana María Pardo Múgica. O evento da Facultade de Psicoloxía serviu para pechar o ciclo de actividades desenvolvidas ao abeiro da convocatoria da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, para dinamizar a vida cultural dos centros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2023.