Psicoloxía planifica o practicum do grao nun encontro cos titores e titoras externos
A Facultade de Psicoloxía celebrou un encontro cos profesionais que colaboran como titores e titoras externos do Practicum desta titulación. O reitor Juan Casares presidiu este venres 21 o encontro, acompañado do comisionado de Ciencias da Saúde, Manuel Macía Cortiñas, e da decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero. No encontro informouse da nova definición das prácticas externas no marco do grao de Psicoloxía, invitando ao conxunto de profesionais a traballar conxuntamente na planificación da implantación do futuro Practicum. Neste senso, as directrices do Espazo Europeo de Educación Superior enfatizan a importancia de preparar ao estudantado universitario en competencias profesionais. Este obxectivo sería inalcanzable sen o Practicum, aspecto no que se fixo fincapé na xuntanza.
Ademais, no encontro fíxose un recoñecemento explícito á gran relevancia do traballo realizado polos titores e titoras profesionais na consecución dunha formación universitaria de calidade e orientada ao mundo profesional. Coa noción compartida de que académicos e profesionais poden e deben enriquecerse mutuamente, e que o Practicum constitúe un bo foro para facelo, acordouse a celebración de novas xornadas de traballo conxunto ao longo do presente curso académico.