Ir o contido principal
STG

Unha publicación da USC xunto á Universidade de Cantabria, “mellor coedición interuniversitaria” de 2019

Detalle da cuberta do libro premiado
Detalle da cuberta do libro premiado
Os Premios Nacionais de Edición Universitaria recoñeceron a obra ‘Historia de la literatura ilustrada española del siglo XIX’ por recoller “a recepción desa literatura sen esquecer os aspectos paratextuais”, o que conforma un “grande esforzo editorial”
Santiago de Compostela

A Unión de Editoriais Universitarias acaba de premiar na XXIII edición dos seus Premios Nacionais de Edición Universitaria o libro Historia de la literatura ilustrada española del siglo XIX, coeditado pola USC e a Universidade de Cantabria. Esta publicación foi recoñecida co premio á mellor coedición interuniversitaria correspondente ao ano 2019. Con este, son oito os galardóns que a editorial universitaria recibe nos últimos dez anos.

Os premios decidíronse este mércores a través dunha reunión telemática na que se valoraron un total de 114 candidaturas correspondentes coas doce modalidades que integran a convocatoria. No transcurso da mesma, o xurado salientou que a coedición da USC e da Universidade de Cantabria, ademais de desenvolver “unha historia da literatura do século XIX, recolle a recepción desa literatura sen esquecer os aspectos paratextuais”, no que, a xuízo do xurado, é un “grande esforzo editorial”.

O director do Servicio de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan L. Blanco Valdés, quixo subliñar o seu “agradecemento ao catedrático de Literatura Española da USC, natural de Santander e moi vencellado á actividade cultural da súa terra, José Manuel González Herrán, pola proposta inicial do proxecto a este Servizo da USC e á directora de Publicacións da universidade cántabra, Belmar Gándara, polo ofrecemento de incorporar o selo da USC a unha obra de referencia,  unha historia monumental da introdución da linguaxe gráfica na linguaxe literaria”. Por outra banda, segundo Blanco Valdés, “é un recoñecemento tamén á cooperación e o esforzo en atopar vías de colaboración, especialmente importantes en tempos tan duros como os que a universidade, no seu conxunto, está vivindo. Non todo van ser malas noticias”.

O xurado do certame estivo integrado por Ernesto Pérez Zúñiga, xefe do departamento de actividades culturais do Instituto Cervantes; Manuel Rodríguez Rivero, crítico literario; Nuria Azancot, xefa de redacción de El Cultural de El Mundo; Laura Revuelta, redactora xefe de ABC Cultural; Iker Seisdedos, redactor xefe de Cultura e Babelia de El País, e  Pampa García Molina, coordinadora e redactora xefa do Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC). A edición literaria da obra correu a cargo de Raquel Gutiérrez Sebastián, José María Ferri Coll e Borja Rodríguez Gutiérrez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2023.