Publicadas as actas do 'I Congreso Internacional. O pensamento luso-galaico-brasileiro (1850-2000)'
As actas do ‘I Congreso Internacional. O pensamento luso-galaico-brasileiro (1850-2000)’, que a Universidade Católica Portuguesa organizou na cidade de Porto en outubro do ano 2007 e no que participaron profesores de universidades dos tres países, presentáronse este xoves na Facultade de Filosofía da USC.
Son un conxunto de tres volumes e máis de 2.200 páxinas editados pola Imprenta Nacional-Casa da Moeda de Lisboa nos que se organizan tematicamente as propostas debatidas nas distintas sesións. No primeiro deles, logo de facer unha referencia ás tendencias xerais da filosofía portuguesa así como do pensamento brasileiro e galego, dáse paso a un conxunto de textos agrupados baixo o epígrafe de ‘Metafísica e ontoloxía’.
A relación entre racionalismo e relixión é o bloque que agrupa os textos recollidos no arranque do segundo volume, no que ademais se poden consultar unha serie de achegas respecto dunha ‘Reflexión ética’ e sobre ‘Antropoloxía: idea de home’. O conxunto complétase cunha serie de intervencións nas que os especialistas tentan profundar nunha reflexión estética e política, cun apartado especial dedicado ao 150 anos do nacemento de Sampaio (Bruno), pechando este terceiro tomo unha serie de artigos de temática variada.
No acto interviñeron o decano da Facultade de Filosofía, Luís García Soto; o catedrático José Luís Barreiro; o profesor da Facultade de Filoloxía Elías Torres; o vicepresidente do Instituto de Filosofía Luso-Brasileira, Antonio Braz; o editor da obra, Estevao de Moura; e o profesor da Universidade Católica Portuguesa, Arnaldo de Pinho.