Ir o contido principal
STG

Publicadas as listaxes definitivas das prazas de aloxamento en residencias da USC para o novo curso

As persoas admitidas nos distintos centros teñen ata o 16 de agosto para confirmar a súa solicitude e facer efectiva a reserva da praza. Fonte: Santi Alvite
As persoas admitidas nos distintos centros teñen ata o 16 de agosto para confirmar a súa solicitude e facer efectiva a reserva da praza. Fonte: Santi Alvite
O Servizo Universitario de Residencias ofrece na convocatoria 2022-23 máis dun milleiro de prazas que se repartirán entre os diferentes sectores da comunidade universitaria
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo Universitario de Residencias (SUR) da USC publicou este martes a relación definitiva de solicitudes admitidas e excluídas na convocatoria ordinaria de prazas de aloxamento para o curso 2022-2023. As 1.002 prazas ofertadas neste curso repártense entre estudantes de grao (con 859 prazas), alumnado dos mestrados universitarios oficiais (48 prazas), estudantes en programas de doutoramento a tempo completo e persoal investigador en formación (23 prazas), alumnado dos cursos de posgrao propio (5 prazas), persoal docente investigador e persoal de administración e servizos (5 prazas) e integrantes da comunidade universitaria con necesidades educativas especiais derivadas dunha condición de discapacidade (32 prazas), ademais de estudantes internacionais cuxas prazas (30) foron xa obxecto dunha convocatoria independente no mes de maio.

En 2022 recibíronse preto de 2600 solicitudes de aloxamento. A admisión no proceso e a asignación das prazas de cada centro realízase segundo a preferencia manifestada polas persoas solicitantes e segundo a orde determinada pola puntuación económica e académica acadada no proceso de avaliación de solicitudes, tal e como se recolle nos baremos establecidos nas bases da convocatoria. As persoas interesadas xa poden consultar o estado da súa solicitude na web do SUR. Para confirmar a reserva da súa praza, as admitidas nos centros deberán seguir as instrucións recollidas neste portal e aboar a cantidade de 150 € entre o 9 o 16 de agosto. De non cumprirse este trámite entenderase a súa renuncia á praza concedida.

Publicada a listaxe definitiva, as persoas en lista de agarda que desexen seguir optando a unha praza no SUR terán que confirmalo tamén a través da web con data límite do 16 de agosto. Do contrario, entenderase que desisten da súa petición.

Ao longo deste mes publicaranse diferentes relacións cos movementos da lista de agarda para adxudicar as prazas vacantes e, de ser o caso, tamén o resultado dos cambios de centro solicitados. A primeira publicación realizarase o 18 de agosto e as persoas admitidas terán ata o día 21 para facer efectivo o pago da fianza que dá lugar á reserva de praza. O día 23 de agosto publicarase a segunda listaxe cos movementos e os cambios de centro solicitados e o prazo para facer efectiva a reserva estenderase, neste caso, ata o 28 de agosto. De ser necesario, faranse novos movementos da listaxe de agarda ata completar a adxudicación do número de prazas convocadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.08.2022.