Ir o contido principal
STG

Publicadas as listaxes definitivas das prazas de aloxamento en residencias da USC para o curso 2024/25

Residencias universitarias no Campus Sur. FOTO: Santi Alvite
Residencias universitarias no Campus Sur. FOTO: Santi Alvite
O Servizo Universitario de Residencias ofrece máis dun milleiro de prazas que se repartirán entre os diferentes sectores da comunidade universitaria
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo Universitario de Residencias (SUR) da USC publicou este xoves a relación definitiva de solicitudes admitidas e excluídas na convocatoria ordinaria de prazas de aloxamento para o curso 2024-2025. As 910 prazas ofertadas neste curso repártense entre estudantes de grao (con 804 prazas), alumnado dos mestrados universitarios oficiais (45 prazas), estudantes en programas de doutoramento a tempo completo e persoal investigador en formación (21 prazas), alumnado dos cursos de posgrao propio (5 prazas), persoal docente investigador e persoal de administración e servizos (5 prazas) e integrantes da comunidade universitaria con necesidades educativas especiais derivadas dunha condición de discapacidade (30 prazas), ademais de estudantes internacionais cuxas prazas (100) foron xa obxecto dunha convocatoria independente iniciada no mes de abril.

Nesta convocatoria recibíronse 2.584 solicitudes de novo ingreso, que sumadas ás de readmisión suman 3.314 solicitudes, mantendo a tendencia dos anos precedentes. O número de solicitudes pode ser superior ao número de estudantes que solicitaron praza, pois unha mesma persoa pode presentar varias solicitudes de acordo co establecido na convocatoria. A admisión no proceso e a asignación das prazas de cada centro realízase segundo a preferencia manifestada polas persoas solicitantes e segundo a orde determinada pola puntuación económica e académica acadada no proceso de avaliación de solicitudes, segundo os baremos establecidos nas bases da convocatoria. As persoas interesadas xa poden consultar o estado da súa solicitude na web do Servizo Universitario de Residencias. Para confirmar a reserva da súa praza, as persoas admitidas nos centros deberán seguir as instrucións recollidas nese portal e aboar a cantidade de 150 € ata o luns 5 de agosto. De non cumprirse este trámite entenderase a súa renuncia á praza concedida.

O SUR proporciona aloxamento a estudantado e outros colectivos universitarios a través dunha rede propia de Residencias e Colexios Maiores nos seus campus co obxectivo de permitir unha mellor integración, formación e igualdade de oportunidades no ámbito universitario. Ademais, contribúe ao desenvolvemento e difusión de actividades culturais, científicas, artísticas ou deportivas. O Servizo está integrado polos colexios maiores Fonseca, Rodríguez Cadarso e San Clemente, así como as residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións, en Santiago de Compostela; e a residencia universitaria Jesús Bal y Gay, na cidade de Lugo.

Movementos na listaxe de agarda e cambios de centro
Publicada a listaxe definitiva, as persoas en lista de agarda que desexen seguir optando a unha praza no SUR terán que confirmalo tamén a través da web con data límite do 5 de agosto. Do contrario, entenderase que desisten da súa petición.

Ao longo deste mes publicaranse diferentes relacións cos movementos da lista de agarda para adxudicar as prazas vacantes e, de ser o caso, tamén o resultado dos cambios de centro solicitados. A primeira publicación realizarase o 7 de agosto e as persoas admitidas terán ata o día 11 para facer efectivo o pago da fianza que dá lugar á reserva de praza. O día 13 de agosto publicarase a segunda listaxe cos movementos e os cambios de centro solicitados e o prazo para facer efectiva a reserva estenderase neste caso ata o 18 de agosto. De ser necesario, faranse novos movementos da listaxe de agarda ata completar a adxudicación do número de prazas convocadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.08.2024.