Química abriu as súas portas ao acto do Día do Científico Galego
A Facultade de Química da USC abre este luns 16 as portas da súa Aula Magna Antonio Casares ao acto organizado pola Real Academia Galega de Ciencias con motivo do Día do Científico Galego e que en 2014 está dedicado a Luis Iglesias Iglesias. O catedrático de Químico Inorgánica Manuel Bermejo Patiño abrirá a sesión ás 19.00 horas realizando unha semblanza do homenaxeado, co lema ‘Luis Iglesias na memoria’. O catedrático de Zooloxía e director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Victoriano Urgorri, pronunciará a conferencia ‘Luis Iglesias: O Museo de Historia Natural’, intervención que precederá á do presidente da Real Academia Galega de Ciencia, Miguel A. Ríos Fernández. Na sesión participan ademais o reitor Juan Viaño e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Luis Iglesias Luis Iglesias converteuse nun dos máximos expoñentes da entomoloxía galega, ámbito no que coordinou unha colección formada por 6.000 exemplares perfectamente preparados e identificados. Ademais, é salientable a súa significativa contribución ao desenvolvemento do Museo de Historia Natural, hoxe denominado Museo Luis Iglesias como recoñecemento outorgado en 1965 pola USC ao seu labor neste campo. No ano 1920, Luis Iglesias iniciou a súa etapa docente na Universidade de Santiago, na que ocupou a Cátedra de Bioloxía Xeral da Facultade de Ciencias dende 1932, ano na que a obtivo por oposición, ata 1965. Durante esta época, ocupou diversos cargos académicos, entre eles os de reitor, vicerreitor e administrador xeral da Universidades.