A Química como ciencia que envolve a vida e os seus retos actuais centran en xuño a temática dun curso estival da USC
‘Química, a ciencia que envolve as nosa vida’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 12 ao 15 de xuño na Facultade de Química da USC. Estruturado en 30 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 50 persoas, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polas profesoras Carmen García Jares e Pilar Bermejo Barrera.
Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que xa vai pola súa sexta edición son amplos e pasan por divulgar diversos aspectos da Química na actualidade, ademais de convidar a unha reflexión sobre cómo esta ciencia contribúe ao desenvolvemento e ao avance dos seres humanos.
A Química aporta melloras indiscutibles no campo da saúde, contribuíndo con medicamentos que facilitan á saúde e alargan a vida; e no campo alimentario, co mellor coñecemento e control dos alimentos e dos procesos de súa produción. Pero ademais, entre outras e moi importantes aplicacións, aporta continuamente novos materiais que facilitan a vida, e solucións para a xestión da enerxía e da auga. A Química é, en definitiva, unha ciencia que ten contribuído desde sempre ao progreso da humanidade e que ten por diante o reto de seguir facéndoo con criterios de sustentabilidade.
Estruturado en relatorios e sesións cunha orientación máis práctica, as directoras deste foro estival da USC convidaron a participar como relatores no mesmo a expertos recoñecidos que, ao longo das distintas xornadas, exporán algunhas aplicacións da Química nos campos da saúde, da alimentación, das ciencias forenses, do medio ambiente e mesmo na economía, dende un enfoque moi divulgativo. Daquela, a linguaxe e a información achegada nas distintas sesións serán accesibles mesmo para as persoas non familiarizadas coa química.
O curso inclúe ademais de táboas redondas unha visita didáctica as bodegas de Viña Costeira, en Ribadavia, onde se falará da química do viño e da súa análise sensorial cunha cata de viños. Finalmente, os asistentes poderán participar directamente nun obradoiro multidisciplinar sobre os logros e retos da Química na actualidade.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 2 de xuño.