Ir o contido principal
STG

A química Rocío Facorro estuda metodoloxías analíticas para o control e eliminación de certos funxicidas e filtros UV en augas naturais

Rocio Facorro
Rocio Facorro, no Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas
Existe o risco de que estas substancias se incorporen ao ciclo da auga de forma directa ou indirecta e poidan tamén sufrir procesos de transformación, dando lugar a produtos de degradación potencialmente perigosos que cómpre vixiar.
Santiago de Compostela

Fronte aos contaminantes orgánicos emerxentes, como os filtros UV ou certos funxicidas, a química Rocío Facorro Souto desenvolveu metodoloxías analíticas para a identificación e cuantificación de contaminantes emerxentes en augas, así como a súa eliminación mediante procesos de fotólise. Como parte da súa tese de doutoramento, esta investigación desenvolveuse no Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, baixo a dirección da profesora da USC e investigadora de CRETUS María Llompart Vizoso e do investigador  Thierry Dagnac.

Os filtros UV así como determinados funxicidas empréganse de forma masiva en áreas preto de corpos de augas naturais. Como explica Rocío Facorro existe, por tanto, o risco de que estas substancias se incorporen ao ciclo da auga de forma directa ou indirecta (a través das plantas de tratamento de augas residuais) e poidan tamén sufrir procesos de transformación, dando lugar a produtos de degradación potencialmente perigosos que cómpre vixiar.

Os resultados do traballo desenvolvido nesta tese presentan propostas de eliminación de funxicidas e filtros UV en mostras de auga respectuosas co medio ambiente e de aplicación factible a unha maior escala, aclara a investigadora. O traballo demostrou a capacidade destas metodoloxías para a eliminación incluso dos compostos máis persistentes en mostras con alta concentración de materia orgánica. Concretamente, o traballo utilizou procesos de fotólise directa con radiación UVA e UVC, así como métodos avanzados de oxidación como a catálise con H2O2, e a fotocatálise heteroxénea empregando nanopartículas de TiO2. Neste caso empregouse un fotorreactor de mediana escala no que se incorporaron nanopartículas P25-TiO2 inmobilizadas nunhas estruturas monolíticas de acetato de celulosa.

Como explica a doutora Facorro, tamén se probou a utilidade da técnica avanzada de espectrometría de masas de alta resolución para a identificación, cuantificación e monitorización tanto dos precursores como dos seus posibles produtos de degradación. En canto á parte de seguridade alimentaria, a tese desenvolve unha metodoloxía para a determinación de micotoxinas de distintos xéneros en matrices complexas, presentando como novidade a análise simultánea de 26 compostos, cando o habitual é un número reducido de micotoxinas do mesmo xénero.

A investigación doutoral viuse reflectida en varias publicacións en revistas internacionais de impacto no ámbito da química analítica (Analytica Chimica Acta, Journal of Chromatography A, Toxins) e presentados en diversos congresos de ámbito internacional. O tribunal encargado de avaliar o traballo acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaliente cum laude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2021.