Ir o contido principal
STG

Química e Veterinaria certifican a implantación do Sistema de Garantía de Calidade

A acreditación institucional dun centro universitario comporta a renovación da acreditación do conxunto de títulos universitarios oficiais impartidos nel. FOTO: Santi Alvite
A acreditación institucional dun centro universitario comporta a renovación da acreditación do conxunto de títulos universitarios oficiais impartidos nel. FOTO: Santi Alvite
Esta certificación dispón e utiliza mecanismos que facilitan, tanto a mellora de calidade das titulacións como os procesos de avaliación externa
Lugo, Santiago de Compostela

As facultades de Química e Veterinaria acaban de certificar a implantación do Sistema  de Garantía de Calidade (SGC) e están en trámite de obter a acreditación institucional. Deste xeito, súmanse aos oito centros da USC que xa posuían a devandita certificación. Trátase da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e das facultades de Ciencias, Bioloxía, Psicoloxía, Ciencias da Comunicación, Administración e Dirección de Empresas e Ciencias Económicas e Empresariais.

A certificación da implantación do SGC evidencia que o centro dispón e utiliza mecanismos que facilitan, tanto a mellora de calidade das súas titulacións como os procesos de avaliación externa que realiza a Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). A Axencia é a encargada de levar a cabo os procesos de certificación dos SGC das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Corresponsabilidade

O Real Decreto 420/2015 estableceu a acreditación institucional de centros como unha alternativa ao modelo de acreditación de títulos universitarios oficiais de grao e mestrado universitario. A publicación do Real Decreto 640/2021 reforza o papel da acreditación institucional, ampliando esta aos programas de doutoramento. Ese decreto incide na corresponsabilidade na xestión e garantía da calidade, na cal participan as administracións, as axencias de calidade e as universidades. Esta corresponsabilidade aséntase, fundamentalmente, no proceso de acreditación institucional, baseado no recoñecemento da capacidade dos sistemas internos que a tal efecto dispoñen universidades e centros.

A acreditación institucional dun centro universitario comporta a renovación da acreditación do conxunto de títulos universitarios oficiais impartidos nel. Para obtela os centros deben ter certificada a implantación do seu SGC, e ter renovada a acreditación inicial de, polo menos, a metade dos títulos oficiais de grao, a metade dos títulos oficiais de mestrado e a metade dos títulos oficias de doutoramento que impartan.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2022.