Ramón Estévez resalta a contribución de Química á valorización da investigación e á transferencia tecnolóxica
O catedrático da USC Ramón Estévez Cabanas tomou este luns 14 posesión do seu cargo como decano da Facultade de Química, nun acto protocolario presidido polo reitor Juan Casares. Trátase do seu segundo mandato ao fronte do centro compostelán, para o que contará coa colaboración dos profesores Alejandro Macías, como vicedecano, e María del Carmen Yebra en calidade de secretaria. O profesor reivindicou no seu discurso o papel da química en xeral e da facultade compostelá en particular. Así, Estévez Cabanas recordou que o seu centro ocupa a cuarta posición do ranking iberoamericano por capacidade de transferencia de resultados, produción científica, capital humano e nivel de captación de recursos, convertendo, segundo o profesor, á Facultade de Química no “ primeiro recurso científico-tecnolóxico galego”. Neste senso, o decano resaltou a creación de varias empresas de base tecnolóxica ao longo dos últimos dez anos, con persoal altamente cualificado procedente das universidades galegas. Este “é un exemplo paradigmático da universidade emprendedora” sinalou o decano, quen incidiu na necesidade de mellorar as infraestruturas para “abordar máis eficientemente ós retos que hai que afrontar en canto á captación de recursos e impacto da investigación”. Neste senso, Ramón Estévez resaltou o proxecto estratéxico de creación da rede de centros singulares impulsado pola USC como o de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (Ciqus). Porén, o decano marcouse como obxectivo para estes catro anos a reforma do edificio da Facultade de Química. Pechando o acto, o reitor Juan Casares agradeceu o esforzo do equipo decanal por asumir a responsabilidade de liderar a facultade compostelá “en momentos de facer máis con menos”. Currículo
Ramón Estévez, nado na Estrada (Pontevedra), imparte docencia na Facultade de Química e realiza a súa investigación no Ciqus. Como científico, o decano ten participado en quince proxectos como investigador principal e publicado máis de 80 artigos en revistas internacionais. En tarefas de xestión universitaria, ademais de decano da Facultade de Química desempeña os postos de coordinador de másteres de Química Avanzada e Orgánica e do programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Técnica.
O equipo decanal xuntos a integrantes do consello de dirección da USC