Ir o contido principal
STG

Ramón Fuentes Colmeiro presentou na EPS o libro 'Agrosistemas sostenibles y ecológicos. La reconversión agropecuaria'

A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo presentou este xoves o libro Agrosistemas sostenibles y ecológicos. La reconversión agropecuaria do que é autor o profesor xubilado do centro Ramón Fuentes Colmeiro. Ao acto de presentación asistiron o vicerreitor de Cultura da USC, Elías J. Torres Feijó, o director da EPS, Javier Bueno Lema, e o rdirector académico do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Antonio Azaustre Galiana.
No acto, Ramón Fuentes explicou durante o acto que escribira o libro tras xubilarse porque seguía a sentirse vinculado á docencia e isto foi para el coma “un revivir”. Nel recolle tanto aspectos positivos coma negativos da súa experiencia e advirte do perigo dunha incorrecta utilización dos agroquímicos. O libro finaliza cunha reflexión aberta cara unha nova etapa dunha agricultura máis respectuosa co medio. Ademais insitiu en que as diferentes facultades e áreas de coñecemento deberían xuntar esforzos para conseguir mellorar a situación agropecuaria de Galicia. Pola súa banda o vicerreitor de Cultura aproveitou a ocasión para dicir que este acto era tamén “unha xusta homenaxe ao profesor Fuentes e ao seu labor”.
No libro o autor analiza a volta aos agrosistemas tradicionais dende a súa experiencia como labrador, funcionario da administración agraria e profesor,ao tempo que fai unha importante reflexión sobre a explotación irracional e agresiva do medio natural e do solo. Ramón Fuentes trata nesta obra os cambios nos planos de estudo das escolas de Enxeñaría Técnica Agrícola que permitiron crear no Campus de Lugo a materia de Agricultura Ecolóxica, da que foi docente ata a súa xubilación. O seu labor neste novo campo de estudo foi concienciar ao alumnado dos efectos negativos e riscos que entrañan os agrosistemas convencionais e xustificar outros sistemas de produción menos rendibles para o agricultor pero sostibles.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2007.