Ir o contido principal
STG

O ránking Webometrics destaca a visibilidade, transparencia e excelencia da USC entre as 500 mellores institucións do mundo

Na edición correspondente a 2021, a institución compostelá sitúase no chanzo 446 do mundo e no número 15 da listaxe relativa ao eido español e que integra un total de 265 institucións. FOTO: Santi Alvite
Na edición correspondente a 2021, a institución compostelá sitúase no chanzo 446 do mundo e no número 15 da listaxe relativa ao eido español e que integra un total de 265 institucións. FOTO: Santi Alvite
A Universidade ocupa o posto 15 na listaxe relativa a España e que integra un total de 265 entidades
Lugo, Santiago de Compostela

O ránking ‘Webometrics Ranking of World Universities’ elaborado polo Cybermetrics Lab do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) volve situar a USC entre as máis prestixiosas do mundo pola súa visibilidade, transparencia e excelencia. Na edición correspondente a xullo de 2021, a institución compostelá sitúase no chanzo 446 do mundo e no número 15 da listaxe relativa ao eido español e que integra un total de 265 institucións.

Esta ránking utiliza indicadores de métrica web e bibliométricos. A visibilidade ou impacto abrangue un 50% da puntuación final e céntrase no número de redes externas que ligan coa páxina web de cada institución. O 40% da puntuación obtense en base ao criterio de excelencia e que se sustenta no número de artigos entre o 10% máis citado en cada unha das 27 disciplinas da base de datos completa. En concreto, os datos analizados foron os do quinquenio 2015-2019 a través da plataforma Scimago. Finalmente, o 10% da puntuación relativa ao indicador de transparencia acádase a través do número de citacións por parte dos 210 autores máis relevantes segundo datos extraídos en Google Scholar Profiles. En concreto, a USC sitúase no posto 213 en transparencia; no 545, en excelencia; e no 842, en impacto.

Dende 2004, esta clasificación publícase dúas veces ao ano —os datos recompílanse durante as primeiras semanas de xaneiro e xullo para ser públicos ao final de ambos os dous meses—, cubrindo máis de 31.000 institucións de educación superior de máis de 200 países. O obxectivo primordial da listaxe, actualmente en versión beta, é promover o Acceso Aberto ao coñecemento xerado por cada institución.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2021.