Ir o contido principal
STG

A Real Academia de Ciencias Veterinarias de España premia dúas investigacións do Departamento de Patoloxía Animal da USC

Cristina Castillo e Gonzalo López, cos diplomas acrediativos dos galardóns outorgados pola Racve
Cristina Castillo e Gonzalo López, cos diplomas acrediativos dos galardóns outorgados pola Racve
A docente do grupo Metanimal Cristina Castillo acadou o VI Premio Andrés Pintaluba e o investigador de Invesaga Gonzalo López acadou o galardón de Laboratorios Ovejero

Os investigadores do Departamento de Patoloxía Animal da USC na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo Cristina Castillo e Gonzalo López Lorenzo resultaron galardoados na edición de 2018 dos premios anuais concedidos pola Real Academia de Ciencias Veterinarias de España (Racve), entidade recoñecida como un dos máximos expoñentes das ciencias veterinarias no ámbito nacional e tamén en Suramérica.

A profesora do área de Medicina e Cirurxía Animal e investigadora do grupo da USC Metabolismo e Patoloxía Animal Cristina Castillo recibiu o VI Premio Andrés Pintaluba polo traballo titulado ‘Un paso adiante cara a gandería sustentable e fortificación alimentaria en España: o emprego de restos de Posidonia oceánica en pequenos rumiantes do SE español’. A autora salienta nesta investigación o reto que supón para o sector produtivo a procura de novas fontes de alimentos que contribúan á optimización da produción gandeira ante a problemática que implica a superpoboación presaxiada pola FAO para o ano 2050, cando a demografía mundial acadará a cifra de 9.000 millóns de persoas, 2.000 millóns máis que na actualidade. A complexidade deste cometido, precisa a autora, antóllase aínda máis difícil se as novas fontes de alimentos non compiten coas fontes nutricionais destinadas a consumo humano nin coa conservación ambiental, cuxos efectos xa se están deixando notar debido ao cambio climático.

O traballo asinado pola doutora Castillo analiza a posibilidade de utilizar como fonte forraxeira residuos (chamados bancais) dunha planta mariña comunmente atopada nas costas mediterráneas e que se coñece como Posidonia oceánica. A idea xurde do uso dun refugallo que no verán xera grandes custos porque se considera molesto nas praias. Por tanto, toneladas e toneladas de residuos colléitanse cada ano para logo destinar á incineración ou ben á xeración de biomasa con serios efectos ambientais (como a xeración de CO2).

Este estudo é especialmente relevante nas costas da conca Mediterránea, onde o clima non mellora a abundancia de pastos, e na que as previsións climatolóxicas auguran un futuro desalentador debido á degradación dos solos. A investigadora desagrega neste traballo os resultados obtidos ao longo do estudo, proporcionando información sobre a composición nutricional (mineral e química) destes refugallo, para logo proceder a comparar os seus valores coas forraxes utilizadas tradicionalmente. A esta información cómpre sumar tamén os estudos in vitro e in vivo realizados en gando ovino e caprino e que tiveron en conta tanto a produtividade como o estado de saúde dos animais.

Os resultados da investigación de Cristina Castiño que vén de ser premiada pola Real Academia de Ciencias Veterinarias de España conclúen que as follas secas que chegan de forma natural ás costas poden ser recollidas no período turístico, procesadas sinxelamente e servir como unha nova fonte de materia prima forraxeira capaz de achegar unha excelente subministración de minerais, fibra e antioxidantes (algúns con acción bactericida), contribuíndo a reducir os custos de produción gandeira. Todos estes aportes alimenticios atribuídos á Posidonia oceánica axústanse ao marco do concepto de gandería sustentable e fortificación alimentaria, un tema de gran relevancia nun futuro próximo, precisa Castillo.

O V Premio Laboratorios Ovejero recaeu no curso 2018 sobre o membro do grupo Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC Gonzalo López Lorenzo, polo traballo ‘Distribución ambiental de PCV2 en granxas con infección subclínica’. Esta investigación baséase no desenvolvemento dunha técnica nova e alternativa para estudar a epidemioloxía das enfermidades.

Coñecer como se comportan os patóxenos no ambiente, as vías polas que poden entrar ás granxas, as zonas nas que se poden acumular este tipo de patóxenos e desde as que se poden diseminar con risco para infectar e/ou re infectar aos animais... constitúen algunhas das incógnitas ás que busca dar resposta López Lorenzo neste traballo, que se c complementa coa inclusión dos resultados obtidos ata a data nun estudo epidemiolóxico desenvolvido en explotacións de porcino.

A investigación epidemiolóxica realizada por López Lorenzo emprega como modelo o PCV2 (un virus ADN de pequeno tamaño sen envoltura externa e moi resistente no ambiente). Daquela, tomáronse mostras ambientais de distintas áreas das granxas de porcino, para logo proceder á súa análise mediante qPCR de PCV2. Estes procesos permitiron detectar o virus no ambiente de zonas nas que hai porcos, así como noutras áreas das granxas onde non se aloxan animais, por exemplo almacéns e oficinas.

O estudo realizado por este investigador da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC conclúe, entre outras consideracións, que, á hora de elaborar plans de control de enfermidades, o ambiente destas áreas tamén debe terse en conta pola súa implicación no mantemento dos patóxenos e, por tanto, na epidemioloxía das infeccións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.01.2019.