Ir o contido principal
STG

A Real Academia Galega de Ciencias premia o traballo da mocidade investigadora da Universidade de Santiago

Foto de familia das persoas premiadas
Foto de familia das persoas premiadas
O equipo responsable dunha estratexia de vacinación fronte ao neumococo desenvolvida na USC recolle o Premio de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2021 para menores de 30 anos

O pazo de San Roque acolle este mércores o acto de entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).  O equipo responsable do proxecto “Nanosistemas baseados en quitosano como plataforma de administración de vacinas fronte ao neumococo” recollerá o galardón ao persoal investigador menor de 30 anos, dotado con 2.000 euros. Sandra Robla, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago (CiMUS), Noemí Csabak, da Universidade de Nantes e do CiMUS, Rubén Varela, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC, Maruthi Prasanna, investigadora da Unité Fonctionnalité et Ingénierie des Protéines (UFIP) e Cyrille Grandjean, da UFIP da Universidade de Nantes, conforman o equipo premiado.

A súa investigación, publicada en marzo de 2021 na revista Drug Delivery and Translational Research, desenvolve unha estratexia de vacinación fronte ao neumococo para administración por vía nasal. Nela empréganse unhas plataformas de tamaño nanométrico (nanocápsulas) a partir de quitosano, un polisacárido de orixe natural, co obxectivo de actuar como vehículo dunha proteína extraída da bacteria Streptococcus pneumoniae. As nanocápsulas desenvoltas presentaron unha gran estabilidade en medio nasal, con elevada asociación da proteína do neumococo e capacidade de interacción co sistema inmune. Sandra Robla agradeceu esta distinción á RAGC ao “recoñecer a actividade e o traballo que hai detrás e que suporá un gran impulso para continuar promovendo e apoiando a investigación e a ciencia en Galicia”.

O proxecto distinguido na modalidade de investigacións realizadas por persoal sénior, e dotado con 6.000 euros, foi para un proxecto desenvolvido pola Universidade de Vigo, a Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL) e a empresa Inpher, que se centra no paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos.

Estes galardóns cumpren este ano a súa trixésimo primeira edición con trinta e un traballos presentados en ambas modalidades. O evento de entrega de premios, oficiado polo presidente da RAGC, Juan Lema, contará coa asistencia de persoal académico das tres universidades galegas e coa presenza do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo Costa; e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Ramos Cabrer.

Outras distincións

Outos proxectos da USC acadaron tamén recoñecemento nesta edición dos premios. O investigador da Javier Dubert, da área de Microbioloxía e Parasitoloxía, recibiu a mención na modalidade de traballo desenvolvidos por investigadores sénior por un proxecto sobre bacteriófagos e a evolución bacteriana. Os autores principais deste estudo son, alén de Dubert, Fatima Hussain e Martin F. Polz do Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT); e Fréderique Le Roux do CNRS francés.

A segunda mención na modalidade de promoción de investigadores menores de 30 anos foi para un traballo sobre enxertos óseos sintéticos. O equipo distinguido está composto polo investigador Víctor Santos, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC; Beatriz Magariños, tamén do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC; Ricardo Starbird, da Escola de Química do Instituto Tecnolóxico de Costa Rica; Javier Suárez e José Bruno da Universidade de La Laguna; e Carmen Álvarez e Carlos Alberto García, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2021.