A Real Sociedade Matemática Española celebrará en Santiago en 2013 o seu congreso bienal

Santiago será en xaneiro de 2013 a sede do Congreso que a Real Sociedade Matemáticas Española (RSME) celebra cada dous anos, segundo acaba de acordar a súa xunta de goberno. Trátase da actividade periódica máis importante que se organiza en España no eido das Matemáticas, tanto polo número de asistentes como pola presenza de destacados conferenciantes. Durante o encontro organizaranse da orde de vinte sesións paralelas dedicadas a investigacións punteiras que serven para poñer de releve os avances importantes e as novas tendencias en todas as áreas de interese. Fóra do ámbito estritamente académico, e dada a importancia que a RSME concede á visibilidade social das Matemáticas e ao favorecemento da interdisciplinariedade con outras ciencias, programaranse tamén actividades de divulgación, mesas redondas e exposicións abertas tanto a profesionais especializados externos ao congreso coma ao público en xeral. A celebración deste Congreso Bienal RSME 2013 é froito das xestións da decana da Facultade de Matemáticas da USC, Mª Victoria Otero Espinar, e supón un recoñecemento ao bo momento científico e académico que está a vivir a comunidade matemática galega. O comité organizador local estará formado por docentes de todas as áreas de coñecemento de Matemáticas e coordinado por Enrique Macías Virgós, exdecano da Facultade e exvicepresidente da RSME.