Ir o contido principal
STG

Recepción de profesores xaponeses que fan unha estadía na Facultade de Humanidades co programa Vía Láctea

Recepción na Vicerreitoría de Lugo de dous profesores de universidades xaponesas que participan no programa Vía Láctea
Recepción na Vicerreitoría de Lugo de dous profesores de universidades xaponesas que participan no programa Vía Láctea

Profesores das universidades xaponesas de Kanazawa e Aichi Prefectural que están a completar unha estadía na Facultade de Humanidades do campus de Lugo no marco do proxecto de cooperación Vía Láctea, que favorece intercambios e enlaces académicos internacionais a través de lazos culturais entre Europa e Asia, participaron este venres nunha recepción institucional na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, foi a encargada de dar a benvida á USC aos profesores Akira Ota e Ulara Tamura, que estiveron acompañadas pola vicedecana da Facultade de Humanidades e coordinadora deste programa Vía Láctea, JoDe Anderson. Estes dous docentes xaponeses, que veñen de recalar no campus de Lugo da USC esta mesma semana, son os primeiros emisarios da delegación nipona que está previsto que realice estancias, a través do Vía Láctea, na Facultade de Humanidades entre 2015 e 2017, período durante o que o centro lugués agarda recibir 20 estudantes xaponeses, seis dos cales xa comezaron o seu período formativo no campus de Lugo e residen na residencia universitaria Jesús Bal y Gay. O programa Vía Láctea 2014-2017, financiado a través dunha convocatoria europea da Axencia Executiva da Educación e Cultura Audiovisual (Eaecea), ten como enfoque os estudos culturais a partir do irmandamento do Camiño de Santiago co Kumano Kodo de Xapón, ambos Patrimonio da Humanidade.

Unha vez rematada recepción brindada pola vicerreitora Carme Silva, os profesores xaponeses, acompañados de JoDe Anderson, completaron unha visita guiada polo xacemento da Domus do Mitreo da man do arqueólogo Celso Rodríguez Cao.

Estudantes xaponeses, con outros residentes da 'Jesús Bal y Gay' de Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2015.