Ir o contido principal
STG

A Rede de Innovación Agroforestal Afinet presenta no Campus de Lugo unha nube de coñecemento e un manual vivo sobre o sector

Rosa Mosquera, na presentación dos resultados do traballo da Rede Afinet, na EPS de Enxeñaría de Lugo
Rosa Mosquera, na presentación dos resultados do traballo da Rede Afinet, na EPS de Enxeñaría de Lugo
A coordinadora de Afinet, Rosa Mosquera, amosa na EPS de Enxeñaría os froitos deste proxecto europeo logo de tres anos de traballo e suxire a súa continuidade no tempo
Lugo

A Rede de Innovación Agroforestal Afinet, un proxecto europeo coordinado pola catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, celebrou este xoves no centro universitario lugués unha xornada técnica con representantes de asociacións e entidades implicadas neste programa, na que tamén participaron representantes das administracións públicas, tales como a Oficina de Cambio Climático da Xunta de Galicia ou a Axencia Galega de Innovación (Gain).

A xornada comezou coa presentación dos resultados obtidos logo do traballo realizado por Afinet ao longo dos tres anos de vida deste proxecto europeo, liderado pola USC e no que participaron un consorcio de 13 entidades públicas e privadas de nove países europeos (España, Reino Unido, Bélxica, Portugal, Francia, Polonia, Hungría, Italia e Finlandia). Así, logo dun breve acto de benvida aos asistentes, Rosa Mosquera deu conta da nube de coñecemento e do manual vivo xerados por Afinet neste tempo.

A disposición destas dúas ferramentas, que están accesibles a toda a cidadanía interesada, constitúen un recurso importante de cara a dar continuidade ao labor desenvolvido por Afinet desde 2017, data en que botou a andar esta rede temática europea orientada á promoción da innovación agroforestal mediante a transferencia de coñecemento entre agricultores, gandeiros, investigadores , asesores e administracións.

Mosquera explicou neste senso que a nube de coñecemento no eido agroforestal xerada por Afinet supón un repositorio documental de grande interese, xa que agroma amplo material sobre o sector agroforestal. Nesta mesma liña sitúase o manual vivo elaborado por esta rede europea en colaboración coa Alianza Global de Investigación e que tamén achega ao público gran cantidade de información e documentos audiovisuais, documentación e información acaída para favorecer novos debates e futuras innovacións.

A catedrática da USC Rosa Mosquera cualificou de “éxito” o resultado de Afinet, dado que “ superamos con creces os obxectivos iniciais, como o proban a elaboración de preto de medio centenar de folletos informativos e manuais prácticos, ademais de publicación de máis de 400 artigos e 96 programas ou propostas de actuación innovadoras”.

Alén da exposición de resultados, esta última xornada de traballo da Rede Afinet serviu tamén de marco no que o tamén profesor da USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo Juan Luis Fernández ofreceu unha exposición sobre as especies arbóreas en agroforestería, un relatorio ao que seguiu outro de Rosa Mosquera, quen afondou sobre a incidencia do cambio climático no sector agroforestal.

O futuro da rede de innovación impulsada por Afinet e a análise de accións a desenvolver nos vindeiros anos e coas que se podería dar continuidade ás accións que vén realizando esta rede temática europea centraron outros dos asuntos abordados nesta sesión de peche dun proxecto europeo, cuxa primeira fase chega hoxe ao seu remate.

Xornada técnica sobre sistemas silvopastorais

Unha xornada técnica sobre sistemas silvopastorais promovida por Afinet en colaboración coa Oficina Comarcal Agraria de Lugo, dependente da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, reúne esta tarde, a partir das 16.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo preto de 60 persoas. Esta sesión, que servirá tamén para divulgar as achegas innovadoras nadas ao abeiro da rede temática Afinet, comezará cunha exposición dos resultados deste programa europeo, a cargo da profesora Rosa Mosquera.

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Antonio Rigueiro tratará neste foro as posibilidades que ofrece o pastoreo como ferramenta de xestión do territorio na prevención dos incendios forestais. Ao remate da súa intervención, a coordinadora da Rede Afinet falará sobre as Sinerxías entre o castiñeiro e o gando como alternativas para o asentamento da poboación rural.

Esta xornada técnica sobre sistemas silvopastorais terá continuidade este venres cunha viaxe técnica ao norte de Portugal. Así, as persoas que tomen parte nesta expedición poderán coñecer de primeira man a explotación de pastoreo de gando ovino e cabrún en soutos en soutos de Bragança Quinta de Arufe, así como outra iniciativa de pastoreo libre de vacas maronesas en montes veciñais na localidade portuguesa de Vilapouca de Aguiar.

Participantes na xornada de clausura da Rede Afinet na EPS de Enxeñaría

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.