A Rede de Investigación en Ciencias Sociais bota a andar programando unha serie de actividades sobre innovación, emprendemento, educación e cultura
Constituída como Rede de Investigación en Ciencias Sociais o pasado mes de outubro coa participación de diversos grupos, a rede ICIS desenvolve estes días unha serie de actividades sobre innovación, emprendemento, educación e cultura baixo a coordinación das profesoras Mª Dolores Álvarez, Carmen Castro, Ana Porto e dos profesores José Cajide Val, José Carlos de Miguel, Marcelino Agís e José Manuel Touriñán. Así, este mesmo xoves 24 a rede organiza unhas xornadas dedicadas a innovación e emprendemento que se celebran na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa presenza do catedrático de Organización de Empresa da Universidade de León, Mariano Nieto Antolín, para pronunciar a conferencia ‘Innovación disruptivas na base da pirámide’. A próxima cita destas mesmas xornadas será o día 1 de decembro cando se celebrará a mesa redonda ‘Emprendemento universitario. As spin-off na sociedade actual: perspectivas actuais e futuras’’, na que presentarán as súas experiencias representantes de Nanogap, Imaxin Software Naffta e Women Emprende. Encontro con investigadores rusos No marco do congreso internacional ‘Espazos Interculturais: a historia da familia é a historia do pobo’, integrantes de ICIS mantiveron este xoves 24 un encontro con investigadores rusos para debater sobre ‘Innovación e recursos humanos nas universidades’. A formación continua dirixida a profesionais universitarios, a innovación na universidade e a colaboración coas empresas e o desenvolvemento dunha cultura amigable coa familia foron algúns dos temas que se abordaron no encontro. Cursos de formación para investigadores
O ciclo continuará no mes de decembro, os días 15 e 16, cun curso de formación para investigadores a celebrar na Facultade de Ciencias da Educación baixo a coordinación de Ana Porto e José Cajide Val. Ademais, o día 17, os membros dos grupos de investigación da rede reuniranse para tratar as propostas de estratexias de actuación para o vindeiro ano.