Ir o contido principal
STG

A Rede MetalBIO procura novas vías de financiamento para avanzar no estudo e no desenvolvemento de fármacos

Participantes na última reunión de traballo que vén de celebrar a Rede MetalBIO no Grove
Participantes na última reunión de traballo que vén de celebrar a Rede MetalBIO no Grove
A Rede de Ións Metálicos en Medios Biolóxicos, coordinada por Marcelino Maneiro, agarda mobilizar oito millóns de euros para actividades de I+D+i no trienio 2017-2019

A Rede de Ións Metálicos en Medios Biolóxicos (MetalBIO), coordinada polo profesor do Departamento de Química Inorgánica da USC na Facultade de Ciencias do campus de Lugo e que agroma aos grupos galegos que estudan o papel dos ións metálicos en medios biolóxicos, traballa na procura de novas vías de financiamento para avanzar así no estudo e posible desenvolvemento de novos fármacos.

A rede MetalBIO definiu a súas futuras liñas de actuación na reunión anual que vén de celebrar a finais do mes e outubro. Nesta xuntanza de traballo celebrada no Grove participaron máis de corenta investigadores de dez universidades, xestores de proxectos europeos de diferentes entidades como Feuga ou o Hospital Nacional de Parapléxicos (Toledo), así como representantes de empresas de ámbito biotecnolóxico como AMSbiopharma ou Laboratorio Cifga.

Os ámbitos sanitario e da saúde constitúen dúas das áreas nos que teñen ou poden ter especial incidencia as achegas e os proxectos científicos desenvolvidos polos integrantes de MetalBIO. De feito, os modelos metálicos funcionais que preparan algúns dos grupos adheridos á esta rede teñen potencial aplicabilidade como fármacos antitumorais ou como principios antioxidantes. Neste mesmo ámbito de estudo, outros grupos tamén investigan novos sistemas metalosupramoleculares para a liberación de medicamentos ou en complexos de renio como modelos de fármacos para radioimaxe.

A actividade investigadora de MetalBIO, unha rede composta por oito grupos de investigación da USC, UDC e UVigo e que conta con financiamento da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, inclúe tamén a activación de moléculas de auga para a produción de hidróxeno ou a fixación de dióxido de carbono a través de complexos metálicos.

MetalBIO é constitúe asemade unha rede de investigación de marcada pegada luguesa, tal e como o proba o feito de que tres dos grupos asociados teñen a súa sede de traballo nalgunha das facultades ou centros universitarios que conforman o Campus Terra da USC: o grupo Bioquímica-Lugo e o grupo Farmatox, na Facultade de Veterinaria, e o grupo SupraBioin, na Facultade de Ciencias. Este centro universitario do campus lugués atópase tamén no xerme desta rede, xa que acolleu xa en 2014 a primeira xuntanza de MetalBIO, un primeiro encontro ao que logo seguiron outras reunións en Cuntis, Cádiz, Bilbao e Ourense.

As accións de colaboración e traballo en conxunto desenvolvidas nestes anos polos integrantes da rede MetalBIO están a dar xa os seus froitos. De feito, os grupos que compoñen a rede publican unha media de 60 artigos JCR/ano. No capítulo do financiamento, MetalBIO conseguiu mobilizar catro millóns de euros en recursos para investigación no trieno 2014-2016, unha contía que representa o cuádruple respecto do millón de euros xestionado no trieno 2011-2013. Para o trieno 2017-2019 a rede MetalBIO agarda poder incrementar esta cantidade ata os oito millóns de euros, fundamentalmente a través da achega de proxectos e redes europeas, segundo indicou Marcelino Maneiro.

Maneiro adiantou asemade que a Rede de Ións Metálicos en Medios Biolóxicos está a participar na organización de dous eventos relevantes, tal e como o son o Solar Fuel Production Workshop, unha actividade promovida en colaboración co International Iberian Nanotechnology Laboratory e que se desenvolverá os días do 29 ao 30 deste mes, e a XI Reunión Científica de Bioinorgánica BioLugo2019, que se celebrará do 30 de xuño ao 3 de xullo de 2019.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2018.