O reitor impúxolle a Insignia de Ouro da USC ao profesor Manuel Sanmartín Durán

O reitor da USC, Senén Barro, impúxolle este venres 6 a Insignia de Ouro da institución académica ao profesor emérito Manuel Sanmartín Durán, no transcurso dun acto homenaxe celebrado na Aula Magna da Facultade de Farmacia. Xunto ao homenaxeado compartiron mesa, ademais do reitor, o vicerreitor de Comunidade Universitaria, José M. Mayán Santos; o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o decano de Farmacia, Juan José Torres Labandeira; e o profesor Florencio Martínez, encargado de dar lectura a á laudatio do homenaxeado.
A traxectoria vital de Manuel Sanmartín foi o punto de partida desta laudatio, na que o profesor Martínez destacou a inquedanza do homenaxeado, aspecto que o leva a iniciar a carreira docente e investigadora “en plena madurez, á idade de 43 anos”, o que non foi inconveniente algún para “en pouco máis de 25 anos posuír un dos curricula máis sobresalientes no campo da Parasitoloxía española”. Por riba dos méritos científicos e profesionais, Florencio Martínez cualificou ao homenaxeado como “un exemplo de tesón e dedicación para presentes e futuras xeracións de profesores e profesionais”, sempre “sen importar si é de día ou de noite, festivo ou laborable, sempre está aí para facer que as cousas funcionen”.
O propio profesor Sanmartín, logo dunha detallada descrición da súa traxectoria na etapa investigadora na Universidade, dixo “pensando en voz alta e ao facer balance”, sentir que “foi moi gratificante ter dedicado a maior parte da miña vida a esta profesión coa que teño gozado”. Finalmente, o reitor Senén Barro definiu a Manuel Sanmartín como unha persoa “próxima, querida e que transmite cercanía, sen esquecer os seus destacados méritos académicos e científicos”.
O reitor subliñou a dificultade de atoparse cunha persoa que inicia a súa carreira investigadora aos 43 anos e que chega a converterse nun referente no seu campo no ámbito internacional, proxectando con éxito a capacidade da súa universidade.
O profesor Sanmartín é autor de preto de douscentos artigos científicos, a meirande parte deles en publicacións internacionais, e doutras tantas intervencións en congresos. Ademais dirixiu ou é codirector de 20 teses e de 38 tesiñas. Na súa faceta investigadora, o equipo dirixido polo profesor Sanmartín describiu un xénero e nove especies parasitarias novas, estando considerado como un pioneiro e referentes mundial tanto no estudo dos parásitos das raias, como no estudo dun importante ciliado patóxeno do rodaballo, coñecido como Philasterides dicentrarchi, cuxas publicacións representan máis do 75 por cento da bibliografía mundial existente.
Mesa redondaLogo do acto de imposición da distinción universitaria, celebrouse unha mesa redonda sobre ‘Parasitose, emigración e cambio climático’, na que baixo a coordinación do profesor Florencio Martínez Ubeira interviñeron o profesor da Universidade Complutense, José Mª Sánchez, co relatorio ‘Cambio climático: mito ou realidade’; José L. Pérez Arellano, da Universidade das Palmas, para falar sobre ‘Parasitose e inmigración en España’; e Antonio Ramón Martínez, da Complutense, cunha intervención na que se referiu ao cambio climático e paludismo na Península Ibérica.