O reitor Juan Casares inaugura este mércores na Casa do Saber o III Seminario Internacional Brasil, España, Portugal
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, inaugurará esta tarde, a partir das 18.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o III Seminario Internacional Brasil, España, Portugal, un foro de interuniversitario cuxa temática xirará a carón da dimensión territorial e que citará ata o 7 de xuño no campus de Lugo preto dun centenar de estudantes, investigadores e docentes de tres universidades de Brasil, España e Portugal.
O funcionario da Comisión Europea e ex conselleiro científico da Delegación da Unión Europea en Brasil, Ángel Landabaso; o profesor da Universidade Federal de Viçosa José Ambrosio Ferreira; Orlando Rodrigues, profesor do Instituto Politécnico de Bragança; Enaile do Espírito Santo Iadanza, asesora da Secretaría Xeral da Presidencia da República de Brasil, e o investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela, Rafael Crecente Maseda, tamén participarán no acto de apertura dun foro, cuxas sesións de debate e presentación se desenvolverán os días 6 e 7 de xuño no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo. A temática da terceira edición deste foro de coñecemento xirará a carón do territorio e os participantes abordarán as diferentes dimensións de estudo e investigación xa existentes, ao tempo que explorarán novas oportunidades para afondar nas vías de colaboración e cooperación entre as tres universidades implicadas, segundo adiantou Urbano Fra Paleo, investigador pertencente ao Laboratorio do Territorio da USC, o grupo de que lidera a organización dun seminario internacional que establece por vez primeira a súa sede no campus de Lugo logo de celebrar as súas dúas primeiras edicións en Brasil. A difusión das actividades e dos resultados obtidos polos investigadores e estudantes de grao e posgrao para identificar novas oportunidades de cooperación e participación entre as tres universidades representadas (Universidade Federal de Viçosa, Instituto Politécnico de Bragança e Universidade de Santiago de Compostela), o impulso do interese pola investigación, innovación e o emprendemento no eido do territorio, e o debate e a conexión das distintas realidades (persoais, territoriais, institucionais...) nun contexto global en continua transformación constitúen algúns dos obxectivos deste programa. As comunicacións e os pósters que se darán a coñecer no transcurso deste seminario abordarán distintas áreas ligadas á dimensión territorial, tales como son as transformacións das paisaxe, a gobernanza dos riscos, o desenvolvemento rural, tecnoloxías e análise da información territorial, xestión das terras, planeamento urbano e territorial, xestión sostible de recursos naturais ou procesos e conflitos sociais.