O reitor da USC clausura os Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia
A vixésimo segunda edición dos cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia pechará as súas portas este xoves 30 coa celebración do acto oficial de clausura.
Presidida polo reitor da USC, Senén Barro, a sesión comezará ás 12:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos) coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lourenzo; do director da Real Academia Galega, Xosé R. Barreiro; da directora do Instituto da Lingua Galega da USC, Rosario Álvarez; e do director dos cursos, Francisco Fernández Rei.
En 2009, participaron nos cursos máis de cen estudantes procedentes de vinte e oito estados como Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Costa Rica, Croacia, Cuba, Eslovenia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Indonesia, Italia, Marrocos, México, Polonia, Porto Rico, Portugal, Romanía, Rusia, Serbia, Ucraína e Venezuela.
Con esta nova edición, máis de dous millares de alumnos de todo o mundo teñen pasado polas aulas da USC para participar nesta iniciativa formativa e cultural que organizan conxuntamente o Instituto da Lingua Galega da USC, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.