O reitor da USC elixido Académico Correspondente da Reial Acadèmia de Doctors de Cataluña
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, acaba de ser elixido Académico Correspondente por Galicia da Reial Acadèmia de Doctors de Cataluña. Esta Academia con sede en Barcelona é unha corporación de dereito público fundada en 1914 que ten como obxectivo principal a investigación e a súa promoción no ámbito da lingua catalá.
Entre outros obxectivos a Academia de Doutores pretende manter a vinculación dos académicos coa Universidade e servir de nexo entre os doutores españois e os estranxeiros, fomentando o intercambio cultural; potenciar a colaboración científica, a asistencia interprofesional dos académicos e a investigación interdisciplinaria; e velar polos dereitos, a dignidade e outras prerrogativas do título de doutor ofrecendo soporte a todas aquelas persoas que aspiran a alcanza este grao.
O cadro de académicos correspondentes desta corporación intégrano na actualidade doutores de Alemaña, Bulgaria, Ecuador, Estados Unidos, Francia, Rusia, Romanía, Portugal e España representando a totalidade de áreas de coñecemento con especialistas en Enxeñaría Mecánica, Económicas, Dereito, Farmacia, Ciencias Tecnolóxicas, Telecomunicacións, Matemáticas, Filosofía e Letras, e Ciencias Sociais.