O reitor da USC preside a clausura da Internacional Conference on Applied Business and Economics
O reitor da USC, Juan Casares, preside este sábado 11 en Santiago a clausura da Internacional Conference on Applied Business and Economics (ICABE), un evento científico no que participan docentes das tres Universidades galegas. Chegados da Coruña, os asistentes asistirán o sábado, ás 12:30 horas en San Martiño Pinario, ao acto de clausura no que ademais do reitor compostelán participarán a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás; o presidente de ICABE, El Thalassinos; a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Maite Cancelo Márquez; e o presidente do comité organizador do congreso, Andrés Faiña. A conferencia desenvólvese dende este xoves 9 na Fundación Pedro Barrié de la Maza organizada polas Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais das Universidades de Santiago e A Coruña, ademais doutras instirucións europeas e americanas. Previo ao acto de clausura, en Santiago terá lugar a última das sesións académicas na que se presentarán traballos relacionados coa economía enerxética, o negocio familiar e as finanzas públicas.