O reitor da USC preside a gala de entrega do XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural este venres na Facultade de Veterinaria
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, preside este venres, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, a cerimonia de entrega do XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un acto público no que tamén intervirán o conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez; o presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o director xeral de Capsa Food, Armando Tellado, e José Manuel Silva Rodríguez, ex director Xeral de Agricultura da Comisión Europea.
O presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Francisco López Valladares, recollerá, en representación da candidatura gañadora do XIX Premio Aresa, o galardón outorgado polo grupo Aresa e a USC, que inclúe unha gratificación económica de 10.000 euros ademais de placa conmemorativa, no transcurso dunha sesión durante a que Silva Rodríguez ofrecerá a conferencia ‘A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible’.
A cerimonia de entrega do XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural congregará este venres na Facultade de Veterinaria de Lugo a un nutrido grupo de representantes políticos, ademais de persoeiros dos eidos económico, social e cultural, produtores e técnicos do Craega, así como clientes e provedores do grupo empresarial Aresa.