A relación entre integración europea, goberno corporativo e responsabilidade social explícase na Facultade de Dereito
Con motivo do Día de Europa que se celebra este mércores, día 9, a técnica do Centro de Documentación Europeo, Elena Pérez Carrillo, analizará o goberno responsable como base do crecemento económico europeo e a importancia da transparencia nunha conferencia que se celebrará este mércores ás 16:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito durante o transcurso da sesión inaugural do ‘II Curso Europa: Goberno Corporativo e Responsabilidade Social Corporativa. Organizado polo Centro de Documentación Europeo e a Área de Dereito Mercantil da USC, este seminario do Programa Jean Monnet da Comisión Europea desenvolverase os días 9, 10, 11, 14, 15 e 21 de maio.
A segunda xornada do encontro, que se celebrará o xoves 10 a partir das 16:00 horas, centrarase no estudo dos aspectos xerais dun bo goberno. Así, o director de Comunicación e Relacións Institucionais do Grupo March, Luís F. Fidalgo, explicará a comunicación interna e externa como elemento dun bo goberno nun grupo financeiro. Pola súa banda, o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Valladolid, Luís Velasco San Pedro, falará sobre os movementos do goberno e a responsabilidade social corporativa en Europa.
Na sesión do venres 11, o catedrático en Dereito Mercantil da Universidade de Valladolid, Jesús Quijano, falará ás 11:00 horas sobre o goberno corporativo e os administradores das sociedades. Na mesma liña, o profesor de Dereito Mercantil da USC, Francisco Hernandez, continuará abordando a protección dos inversores dentro dun bo goberno. Xa pola tarde, a investigadora de Dereito Civil da USC Marta Otero explicará ás 16:00 horas a responsabilidade dos auditores e o experto da Universidade de Alcalá de Henares, Santiago Hierro, seguirá co tema da responsabilidade social corporativa.
Durante o luns, día 14, a xornada comezará ás 16:00 horas para comentar cuestións como as relacións entre responsabilidade social corporativa, medio ambiente e traballadores e a tarde do día seguinte centrarase na análise dos vínculos entre un bo goberno e a pequena empresa.
Como peche do encontro, o curso acollerá o luns 21 ás 17:00 horas a conferencia da responsable do Departamento de Marketing de Unión Fenosa, Gemma Giner, quen falará sobre os dereitos fundamentais e o bo goberno empresarial.