Ir o contido principal
STG

Relatorios, música, premios ou teatro dan voz á axenda reivindicativa da USC no 8M

Alén dos actos centrais, os centros organizan múltiples actividades ao longo dos vindeiros días co gallo desta xornada reivindicativa
Alén dos actos centrais, os centros organizan múltiples actividades ao longo dos vindeiros días co gallo desta xornada reivindicativa
Nacións Unidas conmemora cada 8 de marzo o Día Internacional das Mulleres que en 2024 desenvólvese baixo o lema ‘Investir nas mulleres: acelerar o progreso’

‘Investir nas mulleres: acelerar o progreso’ é o lema baixo o que a Organización das Nacións Unidas conmemora en 2024 o Día Internacional das Mulleres que cada ano se desenvolve o 8 de marzo. Co gallo desta xornada a prol da igualdade, a USC deseñou unha axenda de actividades coas que outorgar visibilidade a estas reivindicacións e que consta de dous actos centrais nos campus de Santiago e Lugo, así como de múltiples actividades nos diferentes centros da USC.

A lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU) centrará o acto que terá lugar o 6 de marzo no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, ás 12.00 horas. A sesión presidida pola delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, servirá para homenaxear a Unidade de Atención Psicolóxica pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero na USC. No transcurso do acto, pronunciarase o relatorio ‘'Muller e Saúde Mental’.

No Campus de Lugo, a artista e cantautora galega María Xosé Silvar, Sés, ofrece este mércores 6 de marzo, a partir das 19.00 horas, no Salón de Actos 'Profesora Ana Goy Diz' da Facultade de Humanidades, o relatorio 'Feminidade e industria musical'. A palestra é de acceso libre, de balde e aberta á participación de todo o público interesado.

Programa en Lugo

Alén dos actos centrais, os centros organizan múltiples actividades ao longo dos vindeiros días co gallo desta xornada reivindicativa. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo acollerá o xoves 7, ás 13.00 horas, a entrega dos premios 'Enxeñaría e Muller Rural'. Ese mesmo día, ás 11.00 horas, Administración e Dirección de Empresas será o escenario no que se desenvolva a conferencia 'Dificultades e retos de emprender en feminino', a cargo de Noa Piñeiro López, directora de Estudio BO. Humanidades acollerá en idéntico día e horario o relatorio 'A plasticidade da organizacion familiar, caboverdiana e das relacións de xénero nun contexto migratorio entre Santiago e Galicia' de Luzia Oca González. A continuación e a partir das 12.15 horas, Antonella Sturla abordará nesta mesma Facultade 'Dende as marxes: teatro, mulleres e poder. Omisións, narracións e revolucións na escritura doutra historia do teatro'.

Unha mesa redonda integrada por deportistas profesionais que presentarán a súa visión sobre as implicacións de ser muller na súa carreira profesional será o acto central da Facultade de Ciencias. A sesión que ten lugar o día 8, a partir das 10.00 horas, conta coa colaboración de egresadas da Facultade de Ciencias que desenvolven a súa actividade laboral axudando e asesorando mulleres deportistas dende o ámbito da nutrición e da promoción da actividade física.

A Charla coloquio 'Mulleres bravas, defensoras da terra en Galicia e Honduras' terá lugar o 11 de marzo ás 12.00 horas, na EPS de Enxeñaría. Este centro tamén acollerá o 14 de marzo, á mesma hora, o inicio do II Foro de Enxeñeiras. Esta é unha xornada formativa enfocada ao intercambio de experiencias e de coñecementos técnicos, na que se lles dará a palabra a relatoras de diversas áreas profesionais da enxeñería. Esta actividade resalta o papel fundamental das mulleres na industria e dálles un espazo de debate e de exposición de ideas para conectar cun público na súa maioría en proceso de formación.

Programa en Santiago

A Facultade de Psicoloxía acolle dende este luns 4 e ata o mércores 6, a exposición das obras pertencentes ao ‘II Concurso de expresión artística do feminismo da Facultade de Psicoloxía’. Durante o tempo de exposición das obras estará dispoñible a votación para o alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos da Facultade a través dun formulario virtual ao que se pode acceder mediante un código QR situado no centro onde se elixirán ata tres obras da exposición. A votación será anónima. As tres expresións artísticas máis votadas serán consideradas finalistas do concurso con opción a premio. A decisión da votación popular será publicada na páxina web da Facultade o xoves 7 de marzo. No suposto de que se produza un empate nas votacións finais, que impida a selección das 3 obras finalistas, un xurado conformado polos membros da Comisión de Igualdade de Xénero decidirá sobre o ditame do desempate. Os premios serán entregados nun acto público que terá lugar o venres 8 de marzo, ás 13.00 horas no Salón de Actos da Facultade. As tres obras finalistas formarán parte dunha exposición temporal que se instalará no centro durante todo o mes de marzo de 2024. Con anterioridade, ás 12.00 horas, darase lectura ao manifesto RUIXEU diante do módulo A da Facultade.

Pola súa parte, Ciencias Políticas e Sociais acolle este martes 5 a conferencia 'Diálogos sobre a política e o corpo: unha aposta editorial de La Sociocultural'. A finalidade do acto que comezará ás 17.30 horas é presentar este proxecto que desexa fomentar o diálogo comunitario e contribuír a fortalecer o tecido social.

A presentación da peza de teatro 'As alumnas' da escritora Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e Premio Follas Novas 2023, terá lugar na Facultade de Filoloxía o 7 de marzo, ás 13.00 horas. Xusto antes, darase lectura ao manifesto da RUIXEU na entrada do centro. Entre as 11.00 e as 13.00 horas, o centro albergará un punto informativo sobre actividades e recursos da Comisión de Igualdade da Facultade de Filoloxía. A lectura do manifesto será tamén parte integrante da axenda doutros centros como é o caso da Facultade de Medicina e Odontoloxía, o venres 8 de marzo as 13.30 horas, no Salón de Actos; ou da de Química, na Aula Magna, ás 13.00 horas.

Un mural homenaxe a mulleres destacadas no ámbito das relacións laborais e dos recursos humanos centrará a actividade da Facultade de Relacións Laborais co gallo do 8M. O que se pretende é resaltar o valor de diferentes figuras femininas que foron e/ou son un referente que cómpre seguir no eido das relacións laborais e das organizacións. Para participar so é necesario que o estudantado envíe unha fotografía daquela muller/es que considere un referente neste área acompañada cun pequeno texto (máximo 25 palabras) explicando por que a considera un referente. Posteriormente, as fotografías co texto que as acompañan exporanse nos paneis do centro.

Tamén co gallo do 8M, o Arquivo Histórico Universitario acolle a exposición ‘AstrónomAs’ que divulga o traballo que realizaron ou realizan preto de 300 mulleres de todo o mundo no ámbito científico que dá nome á mostra. Estruturada en catorce disciplinas, a mostra, que conta cunha versión en liña, pretende fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas, fundamentalmente, entre as nenas e adolescentes; divulgar as investigacións realizadas por mulleres científicas na astronomía e astrofísica, así como dar a coñecer as perspectivas futuras nestes campos. Comisariada pola que fora profesora da área de Astronomía e Astrofísica no departamento de Matemática Aplicada da USC, Josefina Ling Ling, poderá visitarse no AHUS ata o vindeiro 22 de marzo, de 9.00 a 14.00 horas.

O arquivo únese así a esta iniciativa cedendo o espazo expositivo e dotando de contexto á mostra a través do acto que terá lugar o 8 de marzo ás 17.30 horas, baixo o lema ‘Historias de Mulleres: Antonia Ferrín Moreiras, a primeira muller astrónoma de Galicia’. A sesión presidida por Elena Cendón Vázquez, decana da Facultade de Matemáticas da USC, contará con dúas relatoras, a propia Josefina Ling Ling e Matilde Ríos Fachal, profesora e investigadora, que abordarán distintos aspectos da biografía de Ferrín Moreiras e da súa estreita vinculación co Observatorio Astronómico e a Facultade de Matemáticas da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2024.