Ir o contido principal
STG

Remata o prazo de inscrición no Curso de Primavera da USC en Lugo con máis de 50 matriculados

As actividades desenvolveranse na Facultade de Humanidades e no Museo Provincial do 2 ao 5 de maio, ademais dunha excursión programada para o día 1

O Curso de Primavera que desde hai oito anos organiza a USC no Campus de Lugo pechou o período de inscrición desta oitava edición, para a que se matricularon máis de medio cento de asistentes que participarán nas actividades programadas entre o 1 e o 5 de maio. Este ano os organizadores do curso propoñen unha viaxe a través das pegadas que os seres humanos foron deixando en forma de palabra escrita nos últimos mil anos, baixo o título ‘ OH LVX! Vida e Letras Milenarias (Lugo 1012-2012)’. “Este ano presentamos unha temática moi ampla e que abrangue moitas disciplinas, pero co nexo en común da palabra como herdanza que os nosos devanceiros nos foron deixando na lingua, nos libros, nas pedras ou nos nomes dos lugares”, explica María Concepción Fernández López, profesora da Facultade de Humanidades e directora do curso. A organización incorporou ao título do curso unha destacada efeméride: a lauda sepulcral de San Xoán de Tirimol, unha das pezas conservadas no Museo Provincial de Lugo, chega ao seu primeiro milenio de existencia desde que fora gravada no ano 1012. Sobre esta lauda tratará un dos relatorios das xornadas, nas que participan profesores da USC e doutros centros universitarios e de investigación, que afondarán nos avances acadados en ámbitos como o estudo da linguaxe oral e literaria, a toponimia e o poboamento da área lucense, a arqueoloxía e a paleografía, a edición de textos, a análise das fontes nas investigacións históricas ou a conservación do patrimonio artístico. Cinco días de programa O curso comeza o día 1 de maio cunha excursión a Bretoña, Lourenzá e Mondoñedo. O resto de actividades desenvolveranse entre os días 2 e 4 de maio na Facultade de Humanidades (en sesións de mañá e tarde), mentres que última sesión, o sábado 5 pola mañá, terá lugar no Museo Provincial de Lugo, onde tamén se levará a cabo a clausura do encontro. O Curso de Primavera toma o seu nome dunha actividade desenvolvida nas décadas de 1960 e 1970 polo instituto masculino Lucus Augusti. Na actualidade, o encontro está organizado conxuntamente pola Área de Cultura do Campus de Lugo e a Facultade de Humanidades, e artéllase como un foro de debate e presentación das novidades en investigación sobre o tema elixido cada ano. En edicións anteriores as cuestións que centraron o Curso de Primavera foron, entre outras, o IV centenario da publicación do Quijote, a realidade e as perspectivas das Humanidades, a dinámica das relacións Oriente-Occidente, os dereitos humanos ou os camiños de peregrinaxe. Esta actividade forma parte da oferta do programa Lugo Cultural para o ano 2012, un proxecto no que participan, ademais da USC, a Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2012.