Remata o prazo de matrícula do I Curso Galego de Educación para o Desenvolvemento
A encarnación dos valores da liberdade, igualdade e tolerancia nunha cidadanía activa e comprometida coa democracia e os dereitos humanos representa unha aspiración irrenunciable dentro do esforzo por garantir sociedades democráticas máis xustas. Esta idea atópase na base do I Curso Galego de Educación para o Desenvolvemento, no que colaboran a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua e o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) e para o que está recoñecido un crédito optativo (graos) ou de libre configuración para todas as titulacións da USC. A matrícula pode formalizarse aínda ata o próximo 17 de outubro, para o que as persoas interesadas deben dirixirse ao SEPIU ou a sede de Intervida na Coruña. O programa desenvolverase na Facultade de Matemáticas entre os días 19 e 21 de outubro, coa participación de investigadores da USC e do País Vasco, así como de profesionais do sector educativo. Esta acción formativa achegará aos asistentes unha perspectiva actual das principais liñas do debate teórico así como daquelas ferramentas, metodoloxías e experiencias que fomentan accións innovadoras de creación de cidadanía nun marco de cambio e transformación social solidaria e participativa. As persoas interesadas poden acadar máis información na web do SEPIU.