Remata a vixésima edición do máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior
A vixésima edición do Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior chega este xoves 26 ao remate do seu programa académico cun acto de clausura que se vai celebrar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 19.00 horas presidido pola vicerreitora de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna, e no que tamén está prevista ademais a presenza do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Xunto a eles participarán a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Emilia Vázquez Rozas, e os directores deste posgrao, os profesores José Carlos de Miguel e Miguel Otero.
O máster naceu en 1991 cando a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, co patrocinio da Xunta de Galicia, realiza un curso para formar técnicos e directivos especializados en Comercio Exterior que promovan o proceso de internacionalización das empresas e da economía galega. Dende aquel momento, no posgrao formáronse máis de 600 alumnos sempre en contacto coa realidade empresarial galega. Así, son máis de 50 as empresas ás que se lle realizou un plan de internacionalización e máis de 100 as que teñen acollido a alumnado en prácticas, cun índice de contratación logo deste período inicial de prácticas do 80%.
Para acadar posicións de referencia no ámbito da especialización en comercio exterior e dos negocios internacionais, o curso apostou por un proceso de mellora continua incorporando á súa metodoloxía o ‘método do caso’, as novas tecnoloxías ou un cadro de profesores/as formado por profesionais e directivos de empresas nacionais e internacionais.