Rematan as xornadas sobre ‘Lingua, muller e dinámica social’
As xornadas sobre ‘Lingua, muller e dinámica social’ botarán o peche no Salón de Actos da Facultade de Humanidades este xoves 14 coincidindo co 80 aniversario da proclamación da II República. A xornada terá como eixo central a mesa redonda ‘Vivir no lugar: lingua, xénero e poder’, na que intervirán a partir das 17:00 horas Marta Álvarez Quintero, representante da Granxa Maruxa de Cumbraos (Monterroso); a directora de decoración da fábrica de cerámicas do Castro, Mª Ángeles Freire; Dolores Quintela, en representación da Casa da Muller do Concello de Lugo; e a profesora da USC Elena Freire. A escritora e profesora Carmen Blanco moderará esta mesa redonda que celebra a participación activa das mulleres na vida social, xusto no ano en que se cumpre tamén o 80 aniversario do dereito ao voto das mulleres en España, símbolo dos avances nos dereitos de cidadanía femininos, conseguidos co progresismo republicano e recuperados despois da ditadura. As Xornadas sobre ‘Lingua, Muller e Dinámica Social’ son unha iniciativa promovida polas comisións de Normalización Lingüística (CNL) das facultades de Humanidades, Veterinaria e de Formación do Profesorado e da Escola Politécnica Superior de Lugo.