Remataron as xornadas de consulta matemática para empresas e institucións

A Facultade de Matemáticas acolleu esta semana as V Xornadas de consulta matemática para empresas e institucións, organizadas por grupos de investigación das tres universidades galegas coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e a Rede Española Matemática-Industria (Red math-in). O encontro rematou este mércores coa presentación das conclusións dos grupos de traballo que durante varias sesións estudaron problemas no sector das enerxías renovables. Un, proposto pola empresa Magallanes Renovables, relacionábase coa optimización do deseño dunha plataforma flotante xeradora de enerxía a partir de correntes mariñas. Coordinado por José Luis Ferrín, o especialista que o expuxo foi Alfredo Bermúdez de Castro. O outro exemplo foi o modelado matemático da eficiencia do captador solar térmico de pizarra natural Thermoslate, da empresa Cupa Innovación, e que coordinou Francisco J. Pena Brage. Esta quinta edición das xornadas é a continuación das iniciadas polo Nodo Cesga do proxecto i-MATH, que se celebran anualmente dende 2008, e nela reuniuse unha trintena de especialistas en Matemática Industrial xunto coas empresas participantes para conseguir, entre outras cousas, a difusión da tecnoloxía matemática como elemento clave nos procesos de innovación, a intensificación da I+D entre os grupos de investigación da Red math-in e os das industrias, en problemas susceptibles de ser tratados con métodos matemáticos, estatísticos ou computacionais e a actualización do mapa de demanda tecnolóxica en España. Con este tipo de iniciativas preténdese visualizar o potencial da tecnoloxía matemática para achegar solucións cun gran valor engadido en produtos e servizos innovadores para as empresas.