Ir o contido principal
STG

A renovación do acordo entre USC, Caixa Rural Galega e a CEL dinamizará o sector da innovación tecnolóxica lucense

De esquerda a dereita, Manuel Varela López, Antonio López Díaz e José Francisco Real Castro
De esquerda a dereita, Manuel Varela López, Antonio López Díaz e José Francisco Real Castro
O convenio asinado permitirá dar pulo á investigación no Campus de Lugo, á creación de empresas de base tecnolóxica, así como á transferencia de coñecemento, entre outros aspectos
Lugo

USC, Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios (CEL) de Lugo renovaron este venres 12 a súa colaboración para promover actividades de investigación tecnolóxica, así como a súa difusión no medio económico e social, favorecendo a interrelación entre as actividades universitarias e as necesidades empresariais. Esta sinerxía que se desenvolve dende 1995 permite dinamizar o sector da innovación tecnolóxica lucense. O convenio abrangue dende o fomento de creación de empresas de base tecnolóxica, ata a dinamización de áreas deficitarias na captación de recursos co obxecto de mellorar a súa captación de fondos. 

O texto asinado promove a difusión entre o profesorado do Campus de Lugo das convocatorias de proxectos de investigación, así como de recursos humanos de I+D+i, realizadas por distintos organismos e entidades, a nivel autonómico, estatal e internacional, así como a súa xestión. Inclúese neste punto o apoio, mediante  persoal técnico, á elaboración de propostas nas distintas convocatorias. Ademais, a USC comprométese a transferir os coñecementos xerados á sociedade e as iniciativas económicas que xurdan no marco deste convenio, mediante publicacións, conferencias ou outras canles de divulgación do coñecemento.  O acordo recolle unha achega de 50.000 euros, por parte de Caixa Rural Galega para o desenvolvemento das actividades contempladas no convenio. Pola súa parte, a Confederación de Empresarios de Lugo comprométese a facilitar a difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación da USC entre os seus membros, así como na procura de socios empresariais para participar en proxectos colaborativos de carácter autonómico, estatal e internacional. 

O reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de organización académica e do campus de Lugo, Francisco J. Fraga López; a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; o vicepresidente da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López; José Francisco Real Castro, en representación da CEL; e os patronos da Fundación, Salvador Manuel Diz Cerviño, Alberto Cepeda Sáez e Antonio Riveira Requeijo, interviñeron nun acto que serviu tamén de marco para a sinatura dun segundo convenio de colaboración, neste caso entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, para a convocatoria dun contrato predoutoral con finalidade investigadora. O acto de sinatura dos dous textos desenvolveuse no edificio central de Caixa Rural Galega.  

Contrato predoutoral 

Poderán concorrer á obtención deste contrato predoutoral o estudantado que estea en posesión dun título universitario de grao ou equivalente e de mestrado universitario ou equivalente, que vaia realizar un plan de investigación nalgún dos catro eixos establecidos na convocatoria, todos eles relacionados co mundo agroalimentario e forestal e a sustentabilidade como eixo transversal. Os eixos ou áreas de investigación serán a produción vexetal e agricultura sostible, a produción e saúde animal sostible, a alimentación segura e saudable e por último a xestión forestal sostible.

 

O acto de sinatura dos dous textos desenvolveuse no edificio central de Caixa Rural Galega
O acto de sinatura dos dous textos desenvolveuse no edificio central de Caixa Rural Galega
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.07.2024.