A residencia Monte da Condesa irmanda as culturas portuguesa, africana e brasileira
Organizado pola Casa Latinoamericana en Galicia e en colaboración coa Facultade de Filoloxía e a Residencia Universitaria Monte da Condesa, nesta última dependencia universitaria está a ter lugar un ciclo de cine que tentará irmandar as culturas portuguesa, africana e brasileira. O ciclo desenvólvese desde hoxe e ata o día 27, sendo todas as sesións ás 20:30 horas na Sala de Televisión e Proxeccións.
Deste xeito, o mércores 25 proxéctase a película ‘Comboio da canhoca’ (Angola), coa presentación e comentarios do profesor Manaça Domingo Joaquim, lector de lingua e literatura africana da Facultade de Filoloxía da USC.
Xa o xoves terá lugar a proxección da película brasileira ‘Zuzu Angel’ que será introducida e, finalmente, comentada polo profesor Luciano M. de Paula, lector de Cultura Brasileira da Facultade de Filoloxía da USC.
Por último, o venres 27 será a quenda da película potrtuguesa ‘Coisa Ruim’, cuxa presentación correrá a cargo do profesor Samuel Rego, lector de portugués da Facultade de Filoloxía e director do Instituto Camões en Galicia. Como remate, tras este acto ofrecerase na Sala da Columna da residencia universitaria unha degustación de pratos típicos do Brasil, de África e de Portugal.