Ir o contido principal
STG

A 'Revista Galega de Educación' analiza de xeito monográfico no seu novo número os xogos tradicionais

A publicación, que fai o número 37 da súa colección, preséntase este luns 23

A Nova Escola Galega, integrada por un numeroso grupo de docentes da Facultade de Ciencias da Educación da USC, presentará o vindeiro luns 23 o número 37 da Revista Galega de Educación, dedicada de xeito monográfico nesta última edición aos xogos tradicionais.
A presentación desenvolverase a partir das 19:00 horas na Biblioteca Fundación Caixa Galicia de Santiago (r/ Frei Rosendo Salvado, 14-16) coa presenza do director da revista, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Xesús Rodríguez Rodríguez; o presidente da Asociación Brinquedia, entidade responsable da coordinación do número, Paco Veiga; e Pedro Lucas, en representación da Fundación Caixa Galicia. De xeito paralelo á presentación realizaranse actividades e demostracións de xogos tradicionais.
O número 37 desta publicación especializada é o primeiro monográfico que se realizan en Galicia dende unha perspectiva global do tema. Nas súas páxinas, o lector poderá atopar dende unha reflexión teórica sobre o papel do xogo tradicional na actualidade, ata unha sintética viaxe polos proxectos de recuperación que se están realizando no medio máis próximo, centrando a análise en casos concretos como o portugués ou o cántabro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2007.