Ir o contido principal
STG

A revista da USC ‘Nova Acta Científica Compostelana’ advirte nun artigo da confusión social que xera o ‘marketing pseudocientífico’

A revista electrónica editada polo Servizo de Publicacións da USC ‘ Nova Acta Científica Compostelana’ advirte nun dos artigos incluídos no seu último número dos riscos e da confusión que xera entre os cidadáns as crecentes prácticas de ‘marketing pseudocientífico’.

Baixo o título ‘ Ciencia y marketing: un matrimonio mal avenido’, o profesor do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Murcia José Manuel López Nicolás, reflexiona sobre a crecente confianza que os cidadáns teñen na ciencia e no labor desenvolvido pola comunidade científica, ao tempo que cuestiona o uso enganoso que a veces se fai desta información por parte da industria alimentaria. Este bioquímico, cuxa labor como divulgador de ciencia vén acreditada pola concesión de distintos premios de recoñecido prestixio, convida a través do seu artigo publicado en ‘Nova Acta Científica Compostelana’ a reflexionar sobre o abuso das mensaxes científicas que encubre a publicidade de centos de produtos alimentarios, ao tempo que resta crédito científico ás propiedades atribuídas a determinados artigos e alerta da confusión que xera este tipo de comunicación publicitaria. “As últimas enquisas de percepción social da ciencia amosan que a sociedade ten cada vez máis confianza no labor realizado polos científicos”, sostén López Nicolás, quen logo de subliñar o carácter positivo desta boa apreciación e consideración social, critica o uso espurio que diversos sectores empresariais abusen desta confianza para confundir ao consumidor mediante o uso de estratexias publicitarias baseadas, princi­palmente, no abuso da mensaxe científica na publicidade de centos de produtos. Este marketing pseudocientífico, tal e como se tipifican este tipo de prácticas, engade López Nicolás, non so avala determinadas propie­dades que non teñen ningún rigor científico, se non que en non poucas ocasión busca aproveitar para os intereses empresariais a confianza da cidadanía na ciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2014.